Os meios audiovisuais espallan modelos de sexualidade que denigran a muller

Educación sexual da mocidade: na procura de alternativas ao porno

Rapazas e rapaces do Comando Igualdade, unha iniciativa na procura de outro modelo de educación sexual

A meirande parte das adolescentes artellan a súa idea de sexualidade a través de contidos non filtrados da Internet, o porno e o silencio das figuras de referencia. Dedicamos a este asunto unha dupla páxina no Sermos312, disponíbel na nosa loxa e nos puntos de venda habituais. Eis un avanzo.

Chega setembro e con el volve o curso escolar. dentro dun programa académico que contempla as ecuacións de segundo grao, a Restauración Borbónica ou a análise sintáctica, docentes e alumnado botan en falta unha formación afectivo-sexual como parte da oferta educativa. Charlas dun día ou voluntarismos e esforzos individuais de profesoras e sexólogas non chega para educar as novas xeracións en modelos afectivos saudábeis.

 

No pasado ano, o servizo de información e asesoramento de Quérote+ recibiu máis de 6.550 consultas. As dúbidas, formuladas por mozas e mozos deentre14e30anosaunha equipa formada por 11 persoas, varían entre como usar un método anticonceptivo ou onde realizar a proba rápida do VIh até cuestións sobre prácticas e relacións afectivas. Perante estes datos, é claro que a mocidade galega demanda información rigorosa e fiábel para a súa vida sexo-afectiva. O panorama que acostuman atopar, porén, non acostuma ser de axuda.

 

A tónica común na educación sexual de adolescentes pasa pola ausencia de diálogo efectivo no fogar —a cegoña, a omisión de explicacións, a incomodidade fronte ás escenas de sexo na televisión— e as palestras escolares soltas nas que escoitar unha listaxe de perigos e posíbeis continxencias das prácticas sexuais —embarazos non desexados, sífilis, gonorrea, herpes, SIDA—. “Eu traballei o tema da educación sexual por primeira vez na aula de Ética hai 25 anos, e a cousa non mudou moito desde esa”, resume Carme Adán, docente no IES Politécnico de Vigo.

 

A fonte principal da que bebe hoxe a xente moza para aprender sobre o sexo acostuma ser a Internet, a pornografía e o audiovisual mainstream, de onde interiorizan unha imaxe parcial da sexualidade. Consecuentemente, tentan reproducir “un percorrido de prácticas que debe ser nesa orde e con ese resultado, un modelo erótico que non encaixa”, indica Noa Tilve, coordenadora de Quérote+. o pracer, na meirande parte de veces, cae por fóra do modelo heteronormativo, coitocéntrico e orgasmocéntrico que dita a erótica dominante, na que a muller aparece como suxeito sometido.

 

[A íntegra desta reportaxe aparece no Sermos312, disponíbel na nosa loxa e nos puntos de venda habituais].