Educación retira a axuda por coidado de persoa discapacitada ao funcionariado

Román Rodríguez, conselleiro de Educación. (Foto: Xunta da Galiza)
A CIG exixe a negociación dun "auténtico" Fondo de Acción Social

A Consellaría de Educación, de modo "unilateral e sen previo aviso", retirou a axuda por persoa con discapacidade a cargo que o persoal funcionarizado tiña recoñecida en base ao V Convenio Colectivo da Xunta da Galiza, segundo denunciaron esta sexta feira desde a CIG.

Tal e como indicou a central sindical nacionalista nun comunicado, o persoal laboral ten dereito a unha axuda de 180 euros mensuais cando ten ao cargo unha persoa con discapacidade e con ingresos inferiores ao Salario Mínimo Interprofesional (SMI). "En teoría, ese dereito íase manter para o persoal laboral funcionarizado da citada Consellaría, pero na práctica foille retirado", alerta.

"É evidente que o importe non é elevado, pero si que supuña unha axuda para contribuír aos gastos que supón ter unha persoa dependente a cargo e que ten uns ingresos moi baixos (inferiores ao SMI)". 

Fondo de Acción Social

A inclusión desta axuda na nómina do persoal funcionario é unha reclama reiterada da CIG, que pide tamén que o sistema de solicitude sexa o mesmo que ten o persoal laboral, "por unha soa vez, e até que se perda o dereito a cobrala". En marzo de 2023, Función Pública afirmou que no último trimestre dese ano iniciaría unha negociación nos termos propostos pola central sindical, "pero non só non foi así senón que permite que se deixe sen ese dereito o persoal que o tiña recoñecido".

A CIG exixe que se reverta esta situación, que se negocie de forma urxente un "auténtico Fondo de Acción Social ao que se poida acoller todo o persoal empregado público da Xunta da Galiza", que sexa máis que unha "liña de axudas" e que se recuperen os importes subtraídos en 2012 chegando, como mínimo ao 1% da masa salarial.