Educación ratifica a supresión de dúas escolas unitarias en Brión e na Laracha

Protesta polo fechamento da escola unitaria de Luaña, en Brión (Imaxe: Cig).
O Diario Oficial da Galiza recolleu onte a orde pola que se suprimen dúas escolas unitarias cuxo alumnado non acadaba as seis matrículas mínimas para o seu mantemento. Educación tamén aprobou a modificación das unidades escolares e postos de traballo, unha medida habitual que, segundo denuncia a CIG-Educación, usou para simular un reforzo pola pandemia. 

As familias xa o agardaban e onte o Diario Oficial da Galiza confirmou o feche de dúas escolas unitarias: a de Luaña, no concello de Brión, e mais a de Comiáns, no da Laracha. A Consellaría de Educación decidiu suprimilas porque ningunha delas acada a ratio mínima de seis crianzas por centro, ficando a unha matrícula cada unha delas.

As familias de Luaña coñeceron a decisión da Xunta cando a mestra titular recibiu a comunicación da supresión da súa praza. Daquela, solicitaron á Administración galega unha moratoria escudándose situación excepcional provocada pola Covid-19 e argumentando a necesidade de manter centros con baixas proporcións de alumnado.

"Tiñamos un chisco de esperanza, sobre todo ao comprobar a evolución da pandemia. Mais tamén vimos como se daban todos os pasos para o feche, confirmado onte. Estamos absolutamente enfadados, danos rabia e pena comprobar como desaparece o rural sen que a ninguén lle importe, sen que non se nos escoitase", explica a Nós Diario Lucía Forján, representante das familias do centro. 

154 unidades máis

Na mesma orde que recolle a desaparición das dúas unitarias, anúnciase a modificación das unidades, ou grupos de clase, e postos de traballo dos centros públicos de Educación Primaria, Educación Infantil e mais Educación Especial para o vindeiro curso.

Como cada verán, a Consellaría de Educación xustifica estas variacións na adaptación da organización "ás necesidades efectivas da poboación escolar". Por unha banda anúnciase un balance positivo na variación das unidades habilitadas e creadas, cun total de 154 unidades máis, o que implicará a incorporación de 240 mestras e mestres, segundo a Consellaría.

As habilitadas corresponden a unha medida "provisional, en centros nos que hai un incremento das matrículas que obriga a desdobrar clases porque superan o máximo de alumnado permitido por aula", segundo explica a Nós Diario o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello. "Normalmente, agárdase un tempo para comprobar se ese aumento se mantén ou non no tempo", agrega. 

Unha medida habitual

Este sindicato amosou a súa discrepancia con como anunciou Educación unha medida habitual. No seu comunicado, a Consellaría destacou que con esta medida procura "cumprir coas medidas establecidas no Protocolo de adaptación ao contexto da Covid-19 para o inicio da actividade lectiva". Porén, Bermello asegura que non garda ningunha relación co protocolo da Xunta. "É tan habitual como contratar profesorado a media xornada a través de programas como o de Apoio, Reforzo de Competencias e Orientación (ARCO)", asegura o secretario sindical.

No mesmo comunicado, Educación que o programa ARCO permitirá contar con 543 docentes de apoio contratados no curso 2020-2021, 221 para en Educación Primaria e 322 en Secundaria. O 30 de xullo, a Consellaría anunciara a incorporación, de cara ao mes de setembro, de profesorado de apoio a través de contratos-programa, mentres os sindicatos do ámbito da educación reclaman esforzos estruturais.

Desde a CIG-Educación aseguran que, segundo a información da que dispoñen, a meirande parte das habilitacións de unidades débense ao cumprimento da legalidade das ratios. "De se confirmar este dato, algo imposíbel coa ocultación de centros afectados que fai a Consellaría, esta medida non gardaría ningunha relación coa Covid-19, como esta pretende argumentar", expoñen nun comunicado.

Para a central sindical, o anuncio de Educación busca reducir as críticas que suscitou o seu protocolo, que non contempla medidas como o desdobramento dos grupos para reducir o risco de contaxios.