Educación publica o protocolo definitivo para este ano lectivo

Un centro de ensino antes de comezar o curso. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
Presencialidade, 1,2 metros de distancia nas aulas a partir de secundaria e máscara desde os seis anos no novo curso escolar. Mentres, a CIG cuestiona a redución da distancia interpersonal e os recortes de profesorado e aulas.

O curso escolar 2021-2022 comezará na Galiza mantendo as principais medidas acordadas co Ministerio de Educación e Formación Profesional, con ensino presencial e o uso obrigatorio da máscara a partir dos seis anos, segundo recolle o protocolo definitivo publicado esta cuarta feira pola Consellaría de Cultura, Educación e Universidade.

No documento, sinálase a posibilidade de que, excepcionalmente, na educación de réxime especial e na Formación Profesional as materias poidan ser estudadas de maneira semipresencial.

A pesar de que desde secundaria a distancia entre alumnos será de 1,2 metros dentro da aula, nas interaccións no centro a distancia mínima ten que ser de 1,5 metros, agás nos grupos burbulla.

Tamén indica o protocolo que despois dunha entrega inicial da Consellaría, os centros terán que asumir o gasto para completar os equipos de protección que precisen ao longo do ano.

Outro dos aspectos que inclúe o escrito, é a garantía de que estará aberto todo o curso o servizo de comedor e o apoio lectivo a menores con necesidades especiais ou de familias en situación de vulnerabilidade social.

Criterios científicos

Pola súa banda, a sección de ensino da Confederación Intersindical Galega criticou o Ministerio e a Xunta por reducir a 1,2 metros as distancias nas aulas, “en contra de criterios científicos que alertan sobre as consecuencias da incerteza coa que vai comezar o curso escolar”.

Ao tempo, reclama que a Xunta deixe de feche aulas en infantil e primaria, que autorice os desdobres de aulas do curso pasado, e que deixe de usar “datos falseados para enganar a opinión pública sobre contratación de docentes”.