Social

Educación propón suspender as probas de avaliación externas na Primaria e na Secundaria polo coronavirus

estudantes pisa aula
Isabel Celaá propoñerá esta cuarta feira a todos os territorios do Estado suspender as probas externas de avaliación para estudantes de Primaria e Secundaria deste curso, que xa non tiñan efectos académicos.

A ministra de Educación e Formación Profesional, Isabel Celaá, propoñerá esta cuarta feira a todos os territorios do Estado suspender as probas externas de avaliación para estudantes de Primaria e Secundaria deste curso. Algúns como Madrid e Cantabria xa decidiran non realizar as probas tras a suspensión das clases decretada polo Goberno estatal para conter a propagación do coronavirus.

Segundo adiantaron fontes do Ministerio a Europa Press, Celaá trasladará esta proposta na Conferencia Sectorial de Educación que se celebrará esta cuarta feira, desde as 9:30 horas por videoconferencia, coa participación dos conselleiros de Educación de todos os territorios estatais.

A reunión, convocada a semana pasada pola ministra, ten como único punto da orde do día abordar a incidencia da crise do coronavirus no sector educativo. Ademais, o Ministerio pretende acordar un novo calendario para a Selectividade, despois do acordo da semana pasada para atrasar as probas de acceso á universidade.

As avaliacións que Celaá propón suspender son as que deben realizar cada curso os alumnos de terceiro e sexto de Primaria, así como os estudantes de cuarto de Secundaria, como estabelece a vixente Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE), impulsada polo exministro José Ignacio Wert e aprobada en 2013 polo Partido Popular.

Estas probas deixaron ter efectos académicos en 2016 cando Íñigo Méndez de Vigo relevou a Wert á fronte do Ministerio de Educación. Entón estableceuse que os seus resultados non puidesen ser utilizados para "o estabelecemento e publicación de clasificacións dos centros", como contemplaba a LOMCE.