Educación permitirá que as alumnas maiores de 16 anos abandonen o instituto no recreo para respectar as distancias

Un instante da reunión de hoxe. (Foto: Xoán Crespo)
O conselleiro Román Rodríguez advirte de que se trata dunha medida excepcional provocada pola pandemia. Ademais, para chegar a ese extremo terán que chegar as solicitudes por parte das direccións dos centros educativos.

O comité educativo da Xunta decidiu, tras unha reunión de traballo que decorreu nesta sexta feira, facer varias propostas organizativas dos recreos aos centros de ensino secundario. Entre outras disposicións, inclúese que as directivas destas infraestruturas poidan solicitar que o alumnado maior dos 16 anos poida saír do centro nestes descansos.

A opción só sería viábel para os maiores de 16 que xa estén en Bacharelato, Formación Profesional ou en ensinos de réxime especial, e non na ESO pola súa condición de obrigatoria.

Cando se queira actuar así, o equipo directivo do instituto será o encargado de demandar esta medida á xefatura territorial e informar á inspección educativa. No entanto, antes deberá obter o visto e prace do consello escolar.

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez (que recuperou estas competencias hai só unhas semanas), afirmou hoxe que esta posibilidade só vai ser para casos excepcionais. Ademais, é froito do coronavirus para cumprir coas normas de distancia entre as persoas.

O encontro tamén serviu para falar de dous novos protocolos para garantir o desenvolvemento das actividades dentro da normalidade que permite a pandemia.

Así falouse quer das actividades extraescolares, quer das educacións en réximes especiais como a formación para adultas. Tamén se prevé que a consellaría marque unhas pautas para a realización de prácticas nos ciclos de FP.

Para Rodríguez todos estes documentos marco de comportamento son básicos para que o curso decorra “coas máximas garantías de seguridade sanitaria”.