Educación modifica o sistema para chamar ao docente substituto para cubrir baixas: Así será a partir de fin deste ano
A Consellaría procura “axilizar” a cobertura.
O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, anunciou esta segunda feria que o Goberno galego vén de avaliar un conxunto de accións para a simplificación das tarefas burocráticas nos centros educativos que suporá un aforro, dixo, de máis de 120.000 horas de traballo administrativo por curso no conxunto do sistema e uns 600 pasos nos procedementos, que, dado que se repiten varias veces ao logo do curso, multiplica esta cifra de xeito exponencial.
O presidente salientou que unha das novidades neste eido, que estará operativa antes de finais de ano, é a posta en funcionamento dunha aplicación informática para o chamamento de profesorado substituto, “o que evita que os interesados teñan que estar pendentes do teléfono, como ocorre ata o momento”.
A falta de perfilar os detalles técnicos, a aplicación funcionará coas mesmas normas que xa operan para o chamamento telefónico, pero coa vantaxe para os aspirantes, que recibirán as notificacións de vacantes e chamamentos vía electrónica (correo, móbil...) e disporán dun tempo prudencial para meditar a aceptación ou non. Haberá unha lista transparente, no que cada persoa saberá en cada momento no posto da lista no que está
Rueda sinalou que isto tamén “axilizará a cobertura de persoal” nos centros educativos cada vez que se produza unha vacante, especialmente naquelas modalidades de difícil cobertura, xa que o proceso se fai automaticamente e non hai que ir facendo chamamentos telefónicos un a un ata que un aspirante acepte a praza.
A Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e FP deu conta ao Consello da Xunta deste conxunto de iniciativas coas que o Goberno galego dá cumprimento a un dos puntos pactados no Acordo de mellora educativa asinado coas organizacións sindicais CCOO, ANPE e UXT e no que se vén traballando desde a súa sinatura, con reunións técnicas ao respecto, e numerosas achegas por parte destas organizacións.
E tamén, dixo, dáse resposta a unha das principais demandas do profesorado en todo o Estado, de reducir os tempos, os trámites e a carga de traballo administrativo en beneficio de máis tempo dedicado exclusivamente ás tarefas de índole académica.
Rueda destacou que a folla de ruta, que implica actuar sobre máis de 50 procedementos administrativos e en 22 aplicacións informáticas, artéllase en tres eixos de actuación que son a simplificación dos procesos, o impulso da dixitalización e o desenvolvemento dun marco normativo, a partir dos cales se categorizan paquetes de accións que se irán implementando nos próximos cursos académicos.
Así pois, tal e como abondou o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, a partir de setembro, coincidindo co inicio do curso 2025-26, comezarán a facerse efectivas actuacións que nos últimos meses estiveron en fase de pilotaxe, mentres que no curso 2026-27 se prevé o máximo impulso da maioría das accións pechadas coas organizacións sindicais.