Educación investiga un posíbel caso de acoso a unha nena de 5 anos nun colexio concertado de Vigo

Edificio do Colexio Monterrey, en Vigo. (Foto: Colexio Monterrey)

A Consellaría confirma que o centro Monterrey activou o protocolo contra o acoso escolar tras recibir a denuncia dunha familia.

A Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e FP confirmou a apertura dunha investigación por un suposto caso de acoso escolar a unha nena de 5 anos no colexio concertado Monterrey, situado nas inmediacións da Travesía de Vigo, no barrio de Teis.

Segundo explicou a Consellaría, a Inspección Educativa está a supervisar a activación do protocolo de acoso escolar por parte do centro co obxectivo de "avaliar a existencia ou non do mesmo". A comunicación foi recibida pola Xunta da Galiza a pasada quinta feira, despois de que a familia da menor denunciara os feitos, mais non transcendeu publicamente até esta terza feira.

A familia denuncia que un grupo de alumnos de sexto de Primaria acosa a nena de cinco anos durante os recreos, chegando a agredila fisicamente.

Os pais alertaron de que un grupo de alumnos de sexto de Primaria, de arredor de once anos, acosa a nena durante os recreos, agarrándoa, tirándolle do cabelo, quitándolle os zapatos e chegando mesmo a agredila. A vítima cursa primeiro de Primaria, o que duplica a diferenza de idade cos presuntos agresores.

"Tolerancia cero"

O inspector adscrito ao centro mantería xa unha reunión coa dirección do colexio para recoller información e testemuños, despois de entrevistarse tamén coa familia da menor. As primeiras medidas adoptadas pola dirección incluirían maior vixilancia nos recreos e a separación da nena respecto do grupo de alumnado sinalado, baixo control directo dunha profesora.

A Consellaría reiterou a súa "tolerancia cero fronte a calquera forma de acoso" e apelou ao "compromiso colectivo de toda a comunidade educativa" para actuar con rapidez e eficacia. Recorda que os centros deben abrir o protocolo ante a mínima sospeita, seguindo o procedemento que marca a Xunta da Galiza para a prevención, detección e tratamento do acoso e do ciberacoso escolar.

Este protocolo obriga a intervir "de maneira inmediata e decidida" e "prioriza o interese da vítima". O centro dispón de dous días para realizar as comprobacións iniciais e dun máis para decidir a apertura formal do expediente.

Ademais, Educación lembrou que este curso puxo en marcha o Termómetro de Acoso Escolar, unha ferramenta dixital que permite detectar situacións de conflito, xunto cos Puntos Laranxa, caixas de correo anónimo a disposición do alumnado para comunicar posíbeis casos de acoso.