Educación obriga a dimitir á directora dun colexio de Oleiros porque o transporte escolar esqueceu a un neno no autobús

Imaxe de arquivo dunhas crianzas agardando o transporte escolar. (Foto: Europa Press)
O alcalde do municipio, Ángel García Seoane, sae en defensa da comunidade educativa e rexeita a maneira "fascista" de actuar da xefatura territorial da Xunta. Pídese que a directora volva ocupar o seu cargo no CEIP Luis Seoane.

A xefatura territorial de Educación tenta obrigar á directora dun colexio de Oleiros a dimitir despois de que un neno ficara esquecido no transporte escolar, que é un servizo dependente da Xunta. A situación foi denunciada hoxe polo CEIP Luis Seoane e mesmo polo alcalde, que considera esta conduta da Xunta “fascista”.

Segundo o centro escolar, o menor de tres anos ía no autobús cara a escola pero ninguén o baixou ao chegar. Cando os responsábeis da empresa de transportes atoparon ao neno volveron con el ao colexio, onte estuda Educación Infantil.

Polo que din, o neno estivo toda a mañá fóra, mais tralos feitos acaecidos esta terza feira a xefatura territorial de Educación, da Xunta, “decidiu obrigar á directora a dimitir”. No entanto, tanto o Concello como o centro eximen de calquera responsabilidade á docente.

Tanto as e os membros do claustro como o persoal non docente sinalan que “a empresa de transportes contratada pola Xunta da Galiza para transportar ao alumnado esqueceu baixar a un neno de Educación Infantil e deixalo no colexio como é habitual”.

"Culpa da Xunta"

Como o rapaz non chegou a aparecer polo recinto escolar, o equipo pensou que a familia “non o enviara ao colexio”. Por iso, reprochan a Educación que aluda á “perda de confianza” na directora para xustificar as presións para que dimita.

O rexedor do municipio, Ángel García Seoane, mesmo considera que se trata dunha forma de actuar “fascista”. “É a Xunta a responsábel destes feitos tan graves e intolerábeis, non a directora”, subliña.

Desde a escola amosan o seu “malestar e repulsa” á decisión de “cargar toda a culpa na figura da dirección”, pois a responsábel é “unha persoa responsábel, traballadora, e unha infatigábel profesional que en todo momento actuar para salvagardar o estado emocional do neno e a súa familia”. Por iso, exixen que se anule esa dimisión “obrigada”.