Educación incrementa con outros 360.000 euros os concertos co ensino privado

Faino a través de axudas das que carecen os centros públicos, denuncia CIG-Ensino.

A Consellería de Educación continúa a destinar partidas económicas para os concertos co ensino privado. Desta vez, 360.000 euros para contratar  para eses centros privados persoal como logopedas, fisioterapeutas, axudante técnicos educativos, psicólogos, pedagogos, traballadores sociais, intérpretes de linguaxe de signos e coidadores. A maioría destes perfís, como denuncia CIG-Ensino, non existen no ensino público embora ser moi necesarios.

 

No DOG desta cuarta feira publícase a orde de 9 de outubro de 2017 pola que se aproban as bases reguladoras das axudas a centros privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia para a atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo para o curso 2017/18.

 

Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino, denunciou que mentres Educación “practica un recorte sistemático, inxustificado e inaceptábel no ensino público, suprimindo centros, unidades e profesorado, curiosamente, mantén inalterada desde 2012 esta partida económica que se incrementou naquel ano un 37% respecto do anterior”.

 

Esta partida súmase aos concertos que xa recollen de por si cantidades destinadas a estas necesidades especificas, permitindo a estes centros privados contar con servizos, modificar instalacións e contratar persoal que os centros públicos, nin sequera os de Educación Especial, poden prestar ou contratar. “Un caso flagrante de discriminación inaceptábel en favor do ensino concertado”