Educación incrementa fondos para o ensino privado mentres recorta na pública

Concentracion da CIG Ensino diante da Consellería
Os recortes non afectan aos centros privados no ensino galego. A CIG-Ensino vén de denunciar que a consellaría de Educación continúa a incrementar os fondos públicos destinados ao sector privado ao tempo que continúan os recortes na pública.

Segundo os datos publicados no DOG do 20 de agosto, a Xunta incrementa unidades concertadas en dous centros de Ourense, unha de primaria en Pontevedra, tres de educación especial e, de maneira especial, en FP auméntanse dez unidades.

Os recortes non pasan polo ensino privado cando nos centros públicos a Consellaría de Educación está a aplicar unha redución de 132 unidades e 199 postos de traballo en infantil e primaria e 993 ensinantes en secundaria. “Incrementa o número de unidades concertadas, mesmo en centros que seguen segregando o alumnado por xénero como o Aloya de Vigo” di a CIG.

Para a CIG-Ensino é “totalmente inaceptábel e un insulto á sociedade galega esta nova privatización do ensino e denuncia a intención permanente desta consellaría en desprestixiar o ensino público e favorecer o privado”. O sindicato nacionalista do ensino lamenta tamén que, máis unha vez, a consellaría agarde ao mes de agosto para a publicación da orde co fin de que “pasen desapercibidos para o conxunto da sociedade”.