Educación fechará mandato con ''máis de 3.000'' prazas de profesorado destruídas

Imaxe da concentración: CIG-Ensino
O persoal docente substituto concentrouse ás portas dos edificios administrativos da Xunta en Compostela para reclamaren o restabelecemento do contrato de verán ao que tiñan dereito após traballaren máis de cinco meses e medio

Profesorado substituto convocado pola CIG-Ensino concentrouse unha cuarta máis diante da Consellaría de Educación en Compostela para esixir o restablecemento do contrato de verán ao que tiñan dereito @s docentes que traballaren máis de 5 meses e medio. A central esixe ao departamento que dirixe Jesús Vázquez que rectifique e deixe sen efecto esta decisión que afecta o persoal docente que desenvolve a súa labor en condicións máis precarias.

CIG-Ensino denuncia que Educación adoptou esta nova medida de recorte de xeito unilateral, e advirte de que continuará coas mobilizacións se non repón un dereito conquerido en 2006, após "importantes mobilizacións". Durante a concentración, o secretario nacional da federación de Ensino no sindicato nacionalista, Anxo Louzao, lembrou que esta decisión afecta "ao profesorado que traballa máis en precario, que ten que estar continuamente á disposición da Administración, ao que se chaman dun día para outro e ten que incorporarse en calquera centro do país con contratos dun día, unha semana ou dun mes".

En concreto, a medida afecta a ao redor de 1.000 profesor@s, mais trátase dun colectivo "en aumento" xa que cada vez son máis @s interin@s que fan substitucións. "Esta consellaría é unha fábrica de parados e paradas, rematará o mandato con máis de 3.000 prazas suprimidas", queixouse Louzao, quen recordou de paso os concertos educativos "innecesarios" que se manteñen con centros de ensino "que mesmo segregan o alumnado por razóns de xénero".