Educación emprega profesorado de relixión para impartir outras materias após despedir mil docentes

[Imaxe: SG]
Máis dun milleiro de docentes quedaron sen emprego na primeira lexislatura de Feijóo, namentres a partida orzamentaria destinada ao ensino da relixión abultou máis aínda en 2013 até se igualar a aqueloutra destinada a comedores escolares


Após incrementar a partida destinada a docentes de relixión nos orzamentos de 2013, até a equiparar, con 27,7 millóns de euros, ao que custa o mantemento dos comedores escolares, a consellaría de Educación está a utilizar o profesorado de relixión para impartir outras materias.

A denuncia vén de facela pública CIG-Ensino, considerando "gravísima" a "actitude prevaricadora" alentada polo departamento que dirixe Jesús Vázquez. Segundo tivo coñecemento a central sindical, nalgúns casos est@s docentes ocupan o 50% do horario impartindo outras materias, como acontece no CEIP Doiras, no concello de Cervantes.

Acrecenta o sindicato que a inspectora deste centro público, Celsa González, non só non mostrou a súa disposición a corrixir esta irregularidade senón que informou de que non é esta a única escola onde profesorado de relixión dá aulas doutras materias do currículo.

Tal comportamento, que se dá namentres a consellaría despide profesionais interin@s das diferentes especialidades, amosa "a deriva confesional e ideolóxica que o PP pretende transladar" ao ensino "máis aló da lexislación vixente, xa de por si fornecedora do adoutrinamento relixioso". CIG-Ensino solicitará da Xunta os horarios académicos de todo o territorio lucense para comprobar que a "ilegalidade" foi corrixida.

Máis dun milleiro de docentes despedidos con Feijóo

O gasto que a consellaría de Educación destina ao cadro de persoal que imparte a materia de relixión (católica) nos centros públicos da Galiza contrasta non só co despedimento de máis dun milleiro de docentes nunha lexislatura, senón tamén coa redución de aulas, o que leva a que un bo número del@s teñan poucas horas lectivas.

Comparando a relación de postos de traballo do profesorado contratado para dar aulas en infantil e primaria co número de unidades nos colexios da Galiza e a proximidade entre estas, sobrarían ao redor de 50 mestr@s, e ningunha del@s imparte as horas lectivas que cobra. Por derradeiro, os perto de 28 millóns de euros destinados á educación relixiosa supoñen un investimento catro veces maior daqueloutro realizado para o fomento do galego (7,4 millóns) e dúas veces maior que o reservado para libros de texto.