Educación destina 200 mil euros máis á privada para necesidades que na pública non cobre

5 dos centros que subvenciona a Xunta segregan por sexos [SG]
A partida orzamentaria é unha extra que complementa os 240 millóns que lles adxudicou a estes colexios nas contas de 2013. CIG-Ensino denuncia "un caso claro de discriminación en favor do ensino concertado"


Para alén dos 240 millóns que lles adxudicou nos orzamentos de 2013, a consellaría de Educación vén de derivar outra partida millonaria aos colexios privados concertados do País. Serán 200 mil euros para cubrir necesidades específicas de apoio educativo que nos centros públicos non se cubren, toda vez que a estes se lles recurtou o orzamento case nun 7%.

Esta subvención deberá ir destinada ás demandas "que non estiveran xa cubertas polo correspondente concerto educativo", polo que se trata dunha partida extra, por riba do montante que a estes colexios se lles adxudica en virtude do concerto coa Xunta.

Permite a contratación de persoal docente e prestar atención á diversidade, namentres na Pública se agravan as eivas ao non contaren con profesorado dabondo en Audición e linguaxe, Pedagoxía terapéutica e orientador@s. Perante esta situación, CIG-Ensino considera que a decisión da consellaría é "un caso flagrante de discriminación en favor do ensino concertado".