Educación desoe o IES Vilar Ponte e nomea outra directora

Após a demisión en bloque da dirección pola escaseza de profesorado, a Consellaría fai ouvidos xordos e nomea unha nova directora para re-estruturar o centro. 

 

Embora incumpriren o seu propio catálogo docente e reducir o número de profesor@s para este curso académico no IES Vilar Ponte de Viveiro, a Consellaría de Educación desatendeu as demandas da dirección do centro e vén de nomear unha outra persoa para que encabece o proceso de re-estruturación do centro. 

No concreto, a nova directora deberá axustar os horarios e as quendas de garda @s 42 docentes c@s que contará o instituto para o curso 2014-2015. Dúas prazas e media menos das que lles correspondía de acordo co catálogo aprobado pola propia Xunta. 

Educación nomea unha nova directora porque 42 docentes, di, "son suficientes"

O 25 de setembro, a dirección do IES Vilar Ponte presentou a súa demisión en bloque en protesto pola decisión do goberno galego de non cubrir unha praza de Lingua Castelá. Nun comunicado de imprensa denunciaron que a asignación das quendas e distribución dos horarios se tivera que desenvolver en precario perante un incremento no número de estudantes. Para alén, salientaban que supuña un incumprimento do "cupo que a propia Administración lle tiña asignado ao centro". Neste senso, a escaseza de profesorado obrigaba a aprobar unha re-estruturación de toda a oferta educativa co curso xa comezado. 

Mais desde a xefatura territorial da Mariña desouviron as demandas de profesorado, alumnado e familias e procederon ao nomeamento dunha nova directora que actuará, aseguraron, "en funcións" durante un ano. 

En tres anos foron suprimidas 8 prazas neste centro

Nos últimos "tres anos", denuncian desde o IES Vilar Ponte "quitáronnos 8 prazas de profesores", porén, desde Educación aseguran que @s 42 docentes son suficientes para cubrir as necesidades do centro. 

Perante esta decisión, a Anpa do instituto convoca unha concentración na Praza Maior viveirense e desenvolverán unha asemblea para deseñar un plan de acción co que amosaren o seu rexeitamento. Pola súa banda, o alumnado xa recompilou máis de 800 sinaturas para solicitaren á Consellaría de Educación unha profesora máis.