Educación decide non cubrir as baixas de menos de dez días

Crianzas xogan no recreo. (Foto: Isabel Infantes / Europa Press)
A Administración non chamará aos centros cada día nin reporá as baixas de menos de 10 días no ensino, recoñece a Consellaría.

Centros educativos e persoal docente denunciaron esta terza feira que a Consellaría de Cultura, Educación e Universidade non está a cubrir as baixas de menos de 10 días.

Tras pórse en contacto coa Consellaría, a Confederación Intersindical Galega (CIG) corroborou que desde o Goberno decidiuse “deixar de cubrir as baixas de poucos días salvo en unitarias ou situacións excepcionais dalgún centro educativo”.

Ao tempo, ratificaron que “en breve deixarán de chamar todos os días” para avaliar a situación dos centros con respecto á pandemia de SARS-CoV-2.

Nese sentido, a federación de Ensino do sindicato nacionalista  denuncia que a Administración quere “pasar a unha situación prepandemia na que a Covid pasou a ser un comodín que usa ou non ao seu convir”.

"Exixencia máxima"

Aliás, acusa o Goberno de esquecer a “situación de exixencia máxima que está vivindo o profesorado nos centros educativos nestes momentos. 

Perante esta realidade, a CIG reclama por unha banda que “se cubran as baixas” e pola outra que se “sigan realizando os chamamentos todos os días”.

A Consellaría xa se negara a cubrir as baixas

Esta situación non é nova, pois esta denuncia chega poucos meses despois da última decisión semellante da Consellaría.

Nas últimas semanas do primeiro trimestre do curso lectivo 2021-2022, en decembro do pasado ano, o Executivo resolveu non cubrir as baixas do profesorado até o próximo trimestre, no medio do ascenso da sexta onda da pandemia, criticara daquela a CIG, coa gravidade engadida de que a Consellaría tratara de “ocultar” a rápida repunta das infeccións activas de coronavirus no país.