Educación confirma á CIG que podería mudar aspectos "preocupantes" da supresión do profesorado de FP

Suso Bermello nun momento da reunión telemática. (Foto: CIG)

O secretario nacional do sindicato, Suso Bermello, e a responsábel de FP da CIG-Ensino, María Rodríguez, mantiveron unha videoconferencia coa secretaria xeral de FP do Ministerio de Educación, Clara Sanz.

A CIG-Ensino obtivo a confirmación do Ministerio de Educación de que este organismo está disposto a variar algúns dos aspectos que se consideran “preocupantes” pola extinción do corpo do profesorado de Formación Profesional (FP).

Nesta primeira reunión cunha alto cargo do departamento do Goberno Español (neste caso a secretaria xeral de FP, Clara Sanz), o secretario xeral de CIG-Ensino, Suso Bermello, puido trasladar a preocupación do profesorado pola extinción do corpo docente técnico que anuncia a LOMLOE ou Lei Celáa.

A modificación supón, tamén, que se integren aquelas persoas que teñan titulación de Grao ou unha equivalente a efectos de acceso á función pública no corpo de profesorado do ensino secundario.

Segundo destacan desde a CIG, na reunión -na que tamén participou a responsábel de FP María Rodríguez- Sanz amosou certa vontade de “artellar mediante Real Decreto un sistema áxil de acceso ao corpo de profesorado de ensino secundario de todo o persoal docente que teña titulación universitaria”.

Tampouco descartou a opción de “estudar a posibilidade de ampliar o período transitorio para acadar a titulación de Grao e así facilitar o acceso de quen non ten titulación universitaria a día de hoxe e analizar a inclusión na nova Lei de FP, que no mellor dos escenarios podería entrar no Parlamento despois do verán, dun sistema de ingreso que permita que as persoas con titulación superior de FP poidan seguir impartindo docencia nesta etapa educativa e opositando para acadar unha praza fixa”.

Aliás, a representante do Executivo español confirmoulle a Bermello que non haberá unha integración efectiva do corpo de PTFT no de Secundaria antes de que se estabeleza a normativa de acceso, que será fornecida as centrais sindicais para a súa negociación previa.

Máis de 2.200 persoas

Pola súa banda, os responsábeis da CIG-Ensino seguiron a defender que todas e todos os docentes de Formación Profesional pasen a depender do corpo de PES. Así, o líder sindical remarcou que “con vontade política todo é posíbel”.

Aproveitou o encontro para facer varias preguntas sobre o documento normativo e a inquedanza dos colectivos afectados, como os funcionarios de carreira e os interinos que non teñen titulación de Grao. En Galiza son máis de 2.200 persoas.

Por iso, cuestionou o argumento de Educación de que a integración no corpo de PES, tal e como se aprobou, vaia afectar positivamente ao 90% do profesorado no conxunto do Estado. No caso galego, atendendo aos datos da Consellaría, o 35% do profesorado (funcionariado de carreira e interino con contrato por curso completo) teñen titulación de FP.

Sobre a equiparación salarial co profesorado de ensino secundario, Sanz deixou nas mans das dos distintos territorios a posibilidade de que se lle vexa recoñecido ese complemento.

“Desde o sindicato amosamos a nosa desconformidade con esta desigualdade laboral e salarial e que ten tamén incidencia na pensión de xubilación para que a día de hoxe é do réxime de Clases Pasivas e defendemos que se se fixe o pago dun complemento compensador que evite que unha parte do actual profesorado técnico quede relegado na mellora retributiva que implica acceder ao corpo de PES”, destacou Bermello.