Educación cifra en 13 as unitarias que fechará

Escola Unitaria Os Dices [Imaxe Concello de Rois]

A Consellaría basea nun criterio de matriculación o cesamento do servizo e sitúa en cinco estudantes o mínimo para o manter. 

Esta sexta feira (15 de xullo) a Consellaría de Educación sinalou que no vindeiro curso (2016-2017) fecharán no país 13 escolas unitarias. No concreto a EEI de Xaviña (3), en Camariñas, a EEI de Encrucilladas (3); a EEI de Gontade (4), en Carballo; a EEI de Sorribas (3), en Rois; o CEIP de Calvario en Cerceda (5); o CEIP de Merelle, en Ordes (4); o CEIP de Angueira de Suso, en Padrón (5); o CEIP de Boebre (4), en Pontedeume; a EEI de Moreira, en Gondomar (5); a EEI do Sartal, en Poio (3); a EEI de Xustáns, en Pontecaldelas (5); a EEI de Pontellas, no Porriño (5) e o CEP de Castelao, de Vilalba. Neste último caso após as 14 familias atinxidas decidiren "matricular os seus fillos noutros centros" da mesma localidade. 

O criterio esgrimido por Educación é "o mesmo" que en anteriores ocasións. Os centros non manteñen un mínimo de cinco estudantes na matrícula polo que se suprime o servizo. Neste senso, sinalan que os dados do INE reflicten unha baixada de 456 persoas menos para o primeiro curso de Infantil que comezará en setembro (3 anos). 

No número 204 do semanario en papel publicamos unha reportaxe intitulada 'Aprender no rural' e asinada por Adrián Ferro na que explicamos as causas e consecuencias do fechamento das escolas unitarias así como do agrupamento de aulas ao que se enfronta o ensino público. 

Unidades reorganizadas

Desde a Consellaría dirixida por Román Rodríguez avanzaron tamén o número de unidades que serán reorganizadas no vindeiro curso, quer por agrupamento, quer por nova creación. Destarte, na Coruña serán suprimidas 17 e creadas 11, para alén de ser habilitadas 19 por desdobramento. En Pontevedra, suprimiranse 20, crearanse 3 e habilitaranse outras 3. En Lugo suprimiranse 4 unidades, crearanse 8 e habilitaranse 6. Entretanto, en Ourense suprimiranse 7 e habilitaranse 16.