Adela Leiro

“A educación ambiental está lonxe dos grandes medios de comunicación”

Adela Leiro

Adela Leiro, mestra xubilada, ecoloxista, viaxeira incansábel, fotógrafa, especialista en expresión plástica, e  e grande coñecedora da flora e da fauna galegas. É a voz que se une esta quinta feira ao coro de VeñanMáis5.

-Como avalías o estado actual do ecoloxismo galego?

-Podemos considerar dous enfoques. Por unha banda a conciencia ecoloxista xeral da cidadanía, que medra moi lentamente, e ás veces semella que vai para atrás, como se ve na oposición a proxectos de conservación, na falla de hábitos respectuosos co medio ambiente ou de compromiso con enfoque do desenvolvemento biocentrado, sen poñer sempre por diante os intereses economicos a curto prazo de persoas particulares ou empresas que arrasan os nosos recursos, e todo isto nun país que ten centrada moita da súa economía no aproveitamento dos recursos naturais. Por outra banda, vexo que o movemento ecoloxista organizado está consolidado e activo realizando unha constante labor de educación, intervención, concienciación e denuncia. Semella que son os únicos interesados no cumprimento das normativas ambientais.

-Que evolución agardas do ecoloxismo a cinco anos vista?

-É dificil de prognosticar. A educación ambiental está lonxe dos grandes medios de comunicación e, coa cantidade de atrancos que se pon a un ensino de calidade e flexible, tamén do ensino regrado. Teño a esperanza de que entre todas e todos as que estamos a traballar neste campo consigamos que a situación mellore.

-Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que debemos e/ou podemos mellorar?

Que siga saíndo á rúa e mantendo a súa liña de defensa dos valores do país. É importante dalos a coñecer, ensinar a valoralos e visualizar experiencias positivas en todos os campos relacionados co desenvolvemento sostible: agricultura/silvicultura racional e ecolóxica, marisqueo e pesca sostible, industrias respectuosas co medio, un lecer en contacto coa natureza... sen esquecer o labor pedagóxico (afondar no coñecemento aumenta o respecto) e de denuncia e control.