Centos de solicitudes aínda sen tramitar

Educación adía a valoración de docentes 'especialmente sensíbeis' á Covid-19

Imaxe de arquivo de CCOO Ensino.
"A Consellaría de Educación atrasa sen data a valoración do persoal especialmente sensíbel á Covid-19" e así o recolle a Federación de Ensino de CCOO (Comisións Obreiras).

Nun escrito presentado na Consellaría, CCOO exixe "a inmediata valoración das solicitudes presentadas polas traballadoras e traballadores, así como a dispensa de acudiren de maneira presencial ao seu posto de traballo mentres non haxa unha resolución".

Segundo informa o sindicato, na actualidade "acumúlanse centos de solicitudes" de docentes que agardan "para seren cualificados 'persoal especialmente vulnerábel' á Covid-19 e sen que comezase sequera a súa tramitación".

CCOO di que a Administración está "absolutamente desbordada pola inexistencia de servizos de prevención de riscos laborais en cada unha das xefaturas territoriais".

Declaran que a actitude da Consellaría reflicte a "nula importancia" que o departamento outorga á protección da saúde do seu persoal e, de feito, xa denunciaran isto en maio.

O sindicato afirma que a Xunta "fai caso omiso" do procedemento do Ministerio de Traballo para os servizos de prevención de riscos laborais fronte ao SARS-CoV-2, así como das medidas do Ministerio de Educación para a prevención, hixiene e promoción da saúde fronte á Covid-19.

Comisións Obreiras lembra que "os ministerios definen como 'persoal especialmente sensíbel' aquel que padeza, entre outras, enfermidade cardiovascular, enfermidade pulmonar crónica, diabetes, insuficiencia renal crónica, inmunodepresión, cancro, enfermidade hepática crónica grave, obesidade mórbida ou ter máis de 60 anos".