Eduardo Galeano: ''Risco moitas máis palabras das que escribo''

O escritor uruguaio veu a Galiza presentar o seu último libro, Los hijos de los días, e arremeter, máis unha vez, contra os poderosos. 

Nun emprazamento pouco afortunado, o Gaiás, agardaban por el case 600 persoas e unha faixa que clamaba 'Cultura contra a mentira'. Na sexta outra pequena maré xuntouse para a sinatura de exemplares na libraría feminista Lilith, en Compostela.

Se estiver aínda a tempo, quizais o mestre Eduardo Galeano engadiría unha pequena nota ao pé no seu último libro, Los hijos de los días. Na páxina do 14 de xuño, en que trae á memoria tal día como ese en 1982, en que Arxentina quedou sen as Malvinas, usurpadas polo imperio británico, o escritor de Montevideo podería escribir sobre a visita a Galiza para presentar esa compilación de relatos, un para cada día do ano.

Dos centos de locais sociais, librarías, teatros e demais espazos culturais que hai no país, o emprazamento escollido para oír a sabia voz do azoute dos poderosos foi un mausoleo en que Manuel Fraga, un poderoso e ex minitro do franquismo, enterrou 400 millóns de euros e que colocou na listaxe das súas "mellores obra

s": a Cidade da Cultura.

Outros poderosos aparecían, en forma de logotipo, nun estandarte. Mentres falaba, con esa voz que amansaría os xenios máis feros, Galeano tiña detrás de si propio algúns dos nomes que fan posíbel que a América Latina que espiu a modiño nas páxinas dun libro alá por 1971 siga aínda coas veas abertas, existindo ao servizo de necesidades alleas. Alí estaban, entre outros, Gas Natural Fenosa e Inditex.

Cidade da Cultura, e cultura fóra das cidades
Para informalo de todos estes detalles, un grupo de persoas do mundo da cultura galega agardaron por el detrás dunha faixa que pedía 'Cultura contra a mentira'. Combinaran con el. "Queriamos explicarlle que supón esta chafallada, o que custou, que a cultura están a levárnola das cidades e que seica non hai cartos para nós", explicaron desde a Plataforma das Artes Escénicas.

Mais finalmente non puido ser. Galeano recibirá a través da persoa que lle leva as relacións coa prensa unha carta persoal, "de compañeir@s a un compañeiro", que fala "do desmantelamento cultural e social no que estamos inmers@s". Levou unha camisola contra a minaría en Cabana de Bergantiños que lle entregaron @s integrantes da Plataforma pola Defensa de Corcoesto. E recibirá tamén unha pegatina co lema Cultura contra a Mentira "por se a ben tivera dar difusión a esta iniciativa". 

366 bocadiños de pracer
Mais, polo de agora, Los hijos de los días está xa nos estantes das librarías. Son bocadiños de texto, relatos que conta en moi poucas palabras unha manchea de cousas. E se ler por nós propias esas cousas que contan é un pracer, fechar os ollos e deixar que Galeano lea para nós fai que ese pracer se agrande. Sentado nun sofá, a carón dunha lámpada, o escritor tornouse contacontos. As case 600 persoas que se achegaron até o Gaiás para escoitalo --moitas delas por vez primeira e algunha despistada que preguntaba con urxencia se a visita era dun deseñador ou de quen era-- viaxaron no tempo até os anos da infancia, cando a avoa ou o avó sentaba a carón da lareira ou aos pés da cama e lía en voz alta contos de nen@s.

"Risco máis palabras das que escribo. Historias que deberan ter até cinco páxinas acaban tendo cinco liñas. Coma esta". E narrou para os 1.200 ouvidos que debía haber alí dentro, a triste historia da morte de John D. Rockefeller, dono do mundo, rei do petróleo. Na autopsia seica non se achou ningún escrúpulo. Houbo tamén crítica para a comunidade internacional, traída ao maxín na persoa dun cociñeiro que convoca todos os ingredientes para preguntar con que salsa prefiren ser comidos. 'Nós non queremos ser comidas de ningún xeito', protestan as galiñas. E o cociñeiro disolve a reunión.

Marcela e Elisa, as dúas galegas que casaron en 1901, protagonizan o relato do 9 de xuño, día no que se celebrou a voca cunha Elisa tornada en Mario para despistar á Igrexa. Recolleu Galeano na súa breve historia que foi na Arxentina onde se lles perdeu a pista a estas dúas mulleres, precisamente o primeiro país de América do Sur en consentir os matrimonios entre persoas do mesmo sexo.

A crise sae retratada o 15 de setembro, cando en 2008 foi a pique a Bolsa de Nova Iorque. Di Galeano que os meigos de Wall Street roubaron millóns de empregos, de casas, e ningún banqueiro foi á cadea. Eses cartos terían dado de comer a tod@s @s fament@s do Mundo, con postre incluído, de aquí até a eternidade. E advirte de que "calquera parecido coa realidade española é pura coincidencia".

''O mellor dos meus días é aquel que non vivín aínda''
Ante os centos de ollares atentos, o escritor leu e leu durante case dúas horas, interrompido só polos aplausos, polo "acompañamento de tambores" que para Galeano foi o bater nos cristais das persoas ás que non deixaron entrar porque seica non había espazo --e dentro a xente sentaba no chan 

sen reparo algún--, e por unha gorxa rebelde que teimaba en se secar cada pouco. 

Contou historias de bicos, de mulleres que, xuntas, son quen de botar embaixo até unha ditadura militar, do medo, do seu Uruguai natal e do resto de países "invisíbeis" do Sur e da labazada que as empadas bolivianas lle arrearon a McDonals. Son algúns dos 366 relatos que fan parte dese tempo do que somos fill@s, segundo a cultura maia.

Un libro do que asinou centos de exemplares na libraría feminista Lilith, fincada na capital galega.Diante do portón branco de madeira fixeron ringleira agardando con paciencia a súa quenda. Foi tal a maré que o modesto espazo malva tivo que fechar a porta. 

Nesa ringleira, tamén Luz Fandiño agardaba a súa quenda. "Escoiteino onte, e botaría doce horas máis con el. Admiro a humildade e a sinxeleza coa que fala este home". A mesma coa que fala ela, aínda que non vaia recoñecelo nunca. No seu bolso, a poeta gardaba un agasallo para Galeano. "A ver se mo quere. Non me atrevía a traerllo".

E quíxollo, claro. O seu último poemario, Escolma de poemas 1950-2010, cunhas palabras nas que Fandiño lle agradece "a súa sabedoría". Antes de rematar, e co permiso de Galeano, cómpre lembrármos tod@s que "o mellor dos días é aquel que non vivimos aínda".