#Editorial257 Contundencia contra o franquismo

Meiras

Contundencia é o que fai falta para frear todo acto ou entidade que fai apoloxía do franquismo. Mentres a xustiza actúa coa máxima celeridade para ilegalizar formacións políticas independentistas ou para vetar a lexítima vontade dun pobo que quere decidir sobre o seu futuro, asistimos ao lamentábel espectáculo do laissez faire, laissez passer. Tampouco resulta estraño sabéndomos que o partido que goberna na Galiza e en España foi fundado por franquistas.

 

Que a Fundación Francisco Franco estea operativa resulta unha ofensa a todas as vítimas que sufriron a represión, ao igual que a impunidade coa que actúa ao xestionar o Pazo de Meirás para enxalzar o terrorismo fascista. Os delitos de odio semellan non existir para o franquismo e os seus herdeiros, que seguen a gozar de privilexios que lle foron roubados ao pobo. Se o Pazo de Meirás aínda é propiedade da familia Franco é pola complicidade de gobernantes que tiran do negacionismo.

 

Cómpre unha lei galega de memoria que prohiba as mostras de exaltación do franquismo e os colectivos que o promoven. Seguiremos reclamando xustiza, verdade e reparación para todas as vítimas da represión e difundindo a historia real do noso pobo, aquela que narran libros como os editados por Sermos Galiza, o recentemente publicado Os nomes do terror. Galiza 1936: os verdugos que nunca existiron ou Mortos por amor á Terra.