Editorial Sermos316: Sen manipulacións

Estamos a piques de vivir un momento histórico: por vez primeira vez o óleo de grandes dimensións A derradeira leición do mestre poderá contemplarse na Galiza. Pretenden vendernos a exposición na que se enmarca o cadro como unha reivindicación das mestras e dos mestres republicanos para tratar así de ocultar a ideoloxía e pensamento de Castelao. Rexeitamos a manipulación. O significado de A derradeira leición do mestre non ten dúbida ningunha: denunciar a represión contra as persoas patriotas e o intento de acabar co nacionalismo.

 

O cadro honra os bos e xenerosos represaliados que sentaron pedagoxía como mestres –no sentido máis polisémico da palabra– do nacionalismo galego. Non por acaso a cara do asasinado representa Alexandre Bóveda, motor organizativo do Partido Galeguista que cada ano simboliza o Día da Galiza Mártir.

 

A meirande parte dos medios de comunicación non informan do cinismo e manipulación da intervención polémica de Feixoo en relación á mostra. Unhas declaracións nas que obviou, en todo momento, a represión fascista e o contido reivindicativo do óleo. Nós seguimos traballando na liña desa mensaxe clara de vida e de esperanza que representan as crianzas do cadro para contar, desde as páxinas de Sermos O Diario Galego, sen manipulacións e sen visións estereotipadas, a memoria do pobo galego e o porvir. A necesidade dun diario en papel, en galego, que vele polos intereses de Galiza é cada día máis evidente.