Editorial #sermos307: os incendios non son “un problema máis”

O director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, normaliza os incendios. Non se corta á hora de dicir, publicamente, que son “un problema máis” dentro da sociedade. Non estraña, así, o caos do monte galego. A Xunta segue sen apostar nun monte ordenado multifuncional e na profesionalización do servizo de prevención e extinción. Tampouco aposta na protección do monte en man común. Así se demostrou na comisión parlamentar de política forestal e loita contra os incendios, que concluíu cun ditame apoiado por PP e PSOE cos votos en contra de En Marea e do BNG.

 

Galiza vén de perder a oportunidade de dar un xiro de 180 graos na ordenación e posta en valor do monte. Un monte que a día de hoxe está, en gran parte, ao servizo do lobby da grande industria da madeira en vez de estar ao servizo das persoas e do medio rural, cuxo devalo segue a ser constante. Os lumes non só poden apagarse no verán. Os lumes deben atacarse todo o ano, e de forma estrutural, con medidas que partan do monte como un ben de todas e todos, como un patrimonio ecolóxico e social e non como un eucaliptal. Só así Galiza deixará de ser un polvorín e só así poremos o monte ao servizo da nación. O medio rural merece unha oportunidade de vida, e de futuro. Asentar nova poboación tamén pasa por un aproveitamento do monte multifuncional e ordenado.