Editorial Sermos 327: Un último esforzo para un diario en galego

Conclúe 2018, un ano que levou a Sermos Galiza por todo o país para presentar o proxecto para un diario en galego. Percorremos milleiros de quilómetros para chegar a milleiros de persoas co obxectivo de lograrmos facer do soño unha realidade. Desde o primeiro momento, insistimos en que o diario era necesario –non hai dúbida de que o é, nun país con máis de dez cabeceiras diarias en papel en castelán e nas que se bota en falta a defensa dos intereses galegos– e posíbel –porque xuntar 3.000 persoas que acrediten na necesidade de lanzar un medio das características do diario non era ningunha entelequia–.

 

Estamos a piques de o lograr, e para chegar ás 3.000 sinaturas e sentar as bases que permitan xermolar o diario precisamos de ti e do teu círculo de confianza. Estas festas son unha oportunidade única para agasallar a presubscrición e para non nos ter que lamentar a posteriori por non poder ler en galego aqueles temas que se botan en falta na axenda mediática e por non ter diarios en papel que contribúan a que o pobo galego constrúa a súa opinión sobre información obxectiva e contrastada. Como aconteceu con Sermos Galiza, o diario vai nacer se todas e todos queremos que así sexa, desde abaixo, impulsado por un amplo tecido de persoas que reflicten a pluralidade do país. Se hai vontade, faise.