Editorial Sermos 321: Acabar co noxo

ENCE_GalizaContrainfo

Decenas de millares de persoas non saben o que é pasar un día sen aspirar o fume e sentir o fedor que emite ENCE a pouca distancia dos seus fogares. Mais ao Goberno de Feixoo non parece preocuparlle e volveu pórse do lado da empresa. Se o Goberno en funcións de Raxoi ampliara a concesión da pasteira até 2073, agora é o Goberno de Feixoo quen consolida a súa presenza na ría de Pontevedra ao renovar a autorización ambiental e tombar as diversas alegacións formuladas no seu día por entidades como o Concello de Pontevedra, que xa anunciou a presentación dun recurso contencioso administrativo nos tribunais contra a decisión da Xunta.

 

Aínda que a autorización do Goberno de Feixoo estabelece diversos prazos para que a empresa poña en funcionamento melloras técnicas que reduzan a contaminación, a única vía para acabar coa hipoteca da ría de Pontevedra e da súa contorna pasa polo traslado da pasteira. Ademais, a empresa, da que forman parte como membros do Consello de Administración persoas vinculadas ao PP como Isabel Tocino, ex ministra de Medio Ambiente con  Aznar, ou Carlos del Álamo, ex conselleiro de Medio Ambiente con Fraga, non acaba de cumprir coas condicións do Plan de Ordenación Territorial nin coas Directrices de Ordenación do Territorio da Xunta.