Satse reclama máscaras FFP2 para todo o persoal sanitario galego

Sanitarias encargadas de realizar PCR (EuropaPress)
O Sindicato de Enfermaría, Satse, reclama máscaras tipo FFP2 para todo o persoal sanitario galego co fin de que estea "o máis protexido posíbel" ante o "alto número" de contaxios en profesionais. 

A súa petición súmase ás voces que nos últimos días denunciaban que o persoal do hospital Povisa de Vigo está a realizar as probas PCR a potenciais portadoras de coronavirus con máscaras cirúrxicas no canto de con máscaras FFP2 ou FFP3, que son as que máis protexen, por falta de dotación deste material.

 Desde Satse advirten agora de que as enfermeiras son o grupo profesional que encabeza os contaxios, ao ter que levar só máscara cirúrxica a pesar de ter os contactos máis estreitos nas plantas non Covid-19. Con todo, o sindicato fai extensiva esta petición a todos colectivos sanitarios.

A organización sindical, á vista do aumento dos casos, empraza a Administración sanitaria galega a "reforzar ao máximo coas máscaras de máxima protección" e evitar que sexa o persoal quen teña que comprar as súas propias máscaras  FFP2 "para sentirse máis seguro".

Neste sentido, Satse tamén demanda que as máscaras se renoven de forma habitual, pois aínda que a duración é de oito horas, "algúns compañeiros lévanas durante días".

Pon de exemplo na Galiza as reclamacións que se fixeron desde distintos centros, incluído o privado de Povisa. 

"Ao principio da pandemia podíase entender certa mesura á hora de entregar o material de protección porque non había, pero agora non estamos nesa situación e os equipos profesionais deben traballar co material adecuado, o que lles ofreza a máxima protección", demanda o sindicato.