Un edil do BNG de Caldas agredido por un empresario após denunciar un delito ecolóxico

Manuel Fariña, no centro.
O agresor ten unha planta de xestión de residuos.

O concelleiro do Bloque Nacionalista Galego en Caldas de Reis, Manuel Fariña, precisou asistencia médica na tarde de onte despois de ser agredido por un empresario da comarca, responsábel, presuntamente, dun vertido de cascotes nos montes de Saiar.

O ataque produciuse contra o mediodía despois de que o titular dunha planta de tratamento de residuos no municipio de Caldas acudise á casa do concelleiro do BNG para acompañalo até a zona do monte contaminada polos vertidos para explicarlle sobre o terreo o seu parecer.

"Durante o traxecto non deixou de ameazarme, e unha vez no lugar agrediume". Fariña chegou ás Urxencias do hospital Montecelo de Pontevedra con lesións na cara, nun nocello e cun golpe nas costas. "Tan pronto me dean a alta irei presentar unha denuncia porque non vou permitir que ninguén me amedrente ou condicione a miña acción política con violencia", sinalou en declaracións a Nós Diario.

A agresión produciuse un par de semanas despois de que o BNG de Caldas denunciase o vertido de toneladas de entullos nos montes de Saiar de forma incontrolada, sen vixilancia nin permiso por parte  da Administración. Con anterioridade, a veciñanza da contorna xa denunciara os feitos ante o Servizo de Protección da Natureza (Seprona). Foi a ausencia de noticias por parte dos axentes deste servizo o que motivou a denuncia do edil nacionalista nas dependencias da Policía Local para que investiguen as verteduras. 

O empresario recoñeceu o baleirado de cascallos, mais dixo ter autorización. Se a tivese, non tería vido por min desta forma, concluíu Manuel Fariña.