Ecoloxistas e veterinarios denuncian o "uso" de animais na cabalgata de Ourense

A cabalgata de Ourense en 2022 na que os Reis Magos tamén se desprazaban sobre dromedarios. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
O Goberno local de Xácome emprega renos e dromedarios nos desfiles natalicios e ampárase en que "é unha tradición".

A festas do Nadal caracterízanse, entre outras cuestións, polos desfiles. Centos de persoas reúnense no centros das cidades e das vilas para ver os diferentes personaxes que protagonizan estas festas, algúns importados de costumes foráneos, como o Papá Noel, e outros como o Apalpador galego ou os Reis Magos, cuxas cabalgatas decorrerán esta quinta feira.

O Concello de Ourense prevé volver contar coa presenza de  animais na cabalgata de reis deste ano como atractivo social para que acuda máis público. Xa aconteceu na noite do 21 de decembro, cando un Papá Noel percorreu as rúas da cidade enriba dunha zorra arrastrada por seis renos. Os Reis Magos desprazaranse en tres dromedarios durante a cabalgata da quinta feira.

Neste contexto, a Fundación Franz Weber criticou a presenza e "uso" destas especies nos eventos natalicios así como o “negacionismo do maltrato animal” por parte do Concello de Ourense. A esta protesta sumouse a Asociación de Veterinarios Abolicionistas da Tauromaquia e do Maltrato Animal (Avatma) -que agrupa máis de 600 veterinarios- así como diversas asociacións ecoloxistas como Amigos da Terra ou Ecoloxistas en Acción.

O portavoz da Fundación Franz Weber na Galiza, Rubén Pérez, explica a Nós Diario que as denuncias baséanse en dous argumentos. Por unha parte, “é un sufrimento animal innecesario” xa que se trata de “animais silvestres en catividade aos que se lles somete a unhas condicións de tránsito alleas ao seu hábitat e comportamento natural” como a música, as luces, os flashes das cámaras e o bulicio da xente. Por outra parte, considera que “é perigosa esta imaxe que se lle transmite ás crianzas de animais disfrazados” e usados como bonecos.

O presidente de Avatma, José Enrique Zaldívar, argumenta que “o uso de animais por entretemento e diversión das persoas non ten xustificación ética nin científica”. Resulta habitual a suposición de que o uso reiterado de certas especies en eventos como as cabalgatas implica a súa adaptación a estes. Porén, "en base aos diferentes estudos científicos que contrastamos, sabemos que cando un animal sofre unha serie de experiencias negativas, lonxe de adaptarse na reiteración, padecen un estrés cada vez maior”, até o punto de desenvolver un “medo crónico”

Zaldívar explica que estas conclusións foron o resultado da análise de numerosas fotos e vídeos de animais presentes en eventos deste tipo, nos que observaron manifestacións de sufrimento tanto físico como psicolóxico.

Aliás, as reaccións dos animais nestes eventos multitudinarios poden resultar perigosas e imprevisíbeis. “Estes desfiles non teñen a seguridade adicional precisa, en Ourense mesmo deixan tocar os animais, o que resulta unha situación de perigo”, di Pérez, quen engade que “as cidades nas que non se fai uso dos animais nos desfiles” contan coa mesma cantidade de público, pois as crianzas “queren ver a cabalgata, con ou sen animais”

Estes concellos traballan con contratos menores que non superan a cantidade estipulada, explica Pérez, “Ourense pagou en total 31.000 euros pero divididos para que non haxa necesidade dunha licitación”. A empresa que ofrece os animais ao Concello, así como a outros municipios do Estado español como Torrelavega, Oviedo ou Santander, é Evecan, localizada en Cantabria.

"É unha tradición"

Nós Diario contactou coa Alcaldía do Concello de Ourense, desde onde indicaron que non recibiran "moitas críticas" ao respecto. Fontes municipais explicaron que “usar un dromedario para dar un paseo non é maltrato animal”. Neste sentido, xustificaron a decisión baseándose en que “é unha tradición” xa que “as crianzas saben que os Reis veñen en dromedarios”. Engadiron que estes animais “están moi ben protexidos” e que a polémica débese a “cuestións políticas e a criticar o partido” de goberno, en alusión a Democracia Ourensá, do alcalde Gonzalo Pérez Xácome.

Desde a institución equiparan o uso de renos e dromedarios nestas cabalgatas ao uso de cabalos noutros eventos sociais. Se ben veterinarios e ecoloxistas critican tamén o uso dos equinos en calquera contexto, Zaldívar explica que especies como o dromedario “non se adaptan a novos lugares; o seu sufrimento emocional é superior e está totalmente inxustificado".