crise dos pellets

Ecoloxistas piden ao Parlamento que designe un "perfil técnico" para coordinar a limpeza dos pellets

Un voluntario recollendo 'pellets'. (Foto: Elena Fernández / Europa Press)
Ecoloxistas en Acción e Amigas da Terra consideran que os membros do Executivo galego "mostran unha preocupación electoral" máis que por "resolver a crise ecolóxica, social e económica" que, segundo denuncian, provocou a vertedura.

As organizacións Ecoloxistas en Acción e Amigas da Terra piden que o Parlamento galego alcance un consenso para designar "unha persoa con perfil técnico" que xestione a chegada de pellets plásticos ás costas da Galiza, que coordine o operativo de limpeza e faga de interlocutor co Goberno estatal.

A través dun comunicado, ambas as entidades lamentan as declaracións do presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, sobre esta cuestión porque "demostran tanto a súa falta de coñecemento como unha falta de sensibilidade ecolóxica, o que se fai extensíbel a parte do seu goberno".

Preocupación electoral

Ecoloxistas en Acción e Amigas da Terra consideran que os membros do Executivo galego "mostran unha preocupación electoral" máis que por "resolver a crise ecolóxica, social e económica" que, segundo denuncian, provocou a vertedura.

Por iso, apostan por que sexa o Parlamento o que, "sen críticas, acusacións, nin ruído mediático", escolla un técnico que sexa capaz de coordinar un equipo "tamén de carácter científico" para dirixir a recuperación e xestión dos residuos.