Ecoloxistas lamentan a falta de medidas preventivas do decreto contra a contaminación de augas por nitratos

Medición de augas (Foto: Ecoloxistas en Acción)

"Falta de ambición", ve Ecoloxistas en Acción no Real Decreto sobre protección das augas contra a contaminación difusa producida polos nitratos procedentes de fontes agrarias. A entidade critica que só se inclúan medidas preventivas para as zonas vulnerábeis.

Ecoloxistas en Acción lamenta a "falta de ambición" do Real Decreto sobre protección das augas contra a contaminación difusa producida polos nitratos procedentes de fontes, pois o borrador do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, cuxa fase de información pública finalizou esta semana, "non inclúe medida preventiva algunha en zonas en que aínda non hai un problema serio de contaminación por nitratos".

Neste sentido, a entidade ambientalista considera que se deberían incorporar valores límite de achega de nitróxeno nestas zonas cun volume superior ao estabelecido para as vulnerábeis como medida preventiva para evitar que a contaminación por nitratos "continúe sen control".

A entidade tamén reprobou que o documento indique valores límite para esterco, "deixando fóra os fertilizantes químicos" a pesar do seu "uso xeneralizado" e o seu impacto directo na contaminación por nitratos.

O texto do Ministerio carece de elementos de control e sanción

Ecoloxistas en Acción tamén resaltou o "número escaso de medidas de obrigado cumprimento" recollidas no borrador do real decreto e apuntou que a maior parte delas refírense a elementos de procedemento, en lugar de referírense aos elementos que inflúen de modo notábel na redución efectiva de fluxos contaminantes.

Lamentan ademais que o texto do Ministerio careza de elementos de control e sanción, ao non contemplar mecanismos que vixíen o seu cumprimento e estabelezan sancións "cun efecto disuasorio efectivo".