Ecoloxistas denuncian a “indefensión” do patrimonio cultural e ambiental ante a industria do eucalipto

A asociación ecoloxista Arco Iris denunciou os "destrozos" provocados polo paso de maquinaria para a corta de madeira na contorna do Castro de Baroña (Imaxe: Arco Iris)

Consideran que a Xunta dá cada vez máis facilidades á industria madeireira para que non teña límites de protección do patrimonio.


 

A desfeita nun dos camiños de acceso ao Castro de Baroña (Ben de interese cultural, BIC) é para Adega un exemplo máis de como a industria madeireira pode afectar negativamente o patrimonio e acusan a Xunta de facilitar esas situacións.

Así, consideran que “a nova Orde de cortas da Xunta facilitaría agresións como a sofrida polo Castro de Baroña”.

Lembra Adega que nos últimos anos, ella propia e colectivos de defensa do patrimonio histórico e arqueolóxico como MariñaPatrimonio veñen denunciando danos, "mesmo por veces irreparábeis", en castros, mámoas, petróglifos, minas romanas, camiños hstóricos, etc. provocados polas actividades (plantacións, cortas, pistas de acceso e movementos de terras...) da industria madeireira e forestal.

“Das ducias de denuncias presentadas só unhas poucas deron lugar a expedientes sancionadores incoados pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. Xa que logo, a mensaxe que a Xunta traslada aos infratores é de práctica impunidade: as institucións encarregadas de tutelar a nosa herdanza cultural e histórica fan deixadez das súas funcións e deléganas en madeiristas e plantadores de eucaliptos.”

A isto engade que a principios de abril a Xunta aprobou unha Orde conxunta das consellarías de Medio Rural, Medio Ambiente e Infraestruturas, pola que se eliminaba a necesidade de solicitar permisos de corta en determinados espazos protexidos, como a Rede Natura. “Desta forma os madeiristas tan só terán que achegar unha "declaración responsábel" para realizar as súas actividades, comprometéndose a cumprir unha serie de condicións e a verificar (eles mesmos) que operan fóra das áreas de exlusión (ZEPAs, Parques Naturais, hábitats dunares, etc.), para o que a Xunta ofrece un xeovisor de consulta. É outro exemplo máis do "ti vai facendo", só que a administración renuncia ás ferramentas (avaliación previa e autorización explícita) para comprobar o que se realmente se fai”.