CUMIO DO CLIMA EN PARíS

Ecoloxistas denuncian que Francia se escuda na Lei de Emerxencia para os deter

[Wikipedia]

Cando menos, 24 ecoloxistas permanecen baixo arresto domiciliario en Francia por participaren nas protestas prohibidas polas autoridades diante do Cumio do Clima que terá lugar en París.

A raíz dos ataques terroristas do pasado 13 de novembro, Francia segue sumida nas leis de emerxencia. Esta lei explicaría as detencións de activistas do medio ambiente que estes días protestan en mobilizacións prohibidas no país con motivo do Cumio do Clima que terá lugar en París a próxima semana.

Segundo publica The Guardian, un avogado dos ecoloxistas denunciou que axentes da policía entraron no apartamento dun dos activistas e ocuparon tres plantas e unha escaleira do edificio. Os avogados dos identificados sinalan que as ordes de inspección e arresto tiveron lugar no marco das leis de emerxencia que sofre Francia estas semanas.

Activistas do clima sinalan que “o grave abuso de poder corre o risco de converter o cumio nunha farsa” e critican a prohibición “vergoñenta” de manifestacións políticas baixo o amparo de leis antiterroristas. Denuncian, amais, o “uso de poderes” para deter ecoloxistas. “Demóstrase que poden apuntar a xente sen ningunha razón en absoluto e as nosas liberdades civís están en perigo”, afirmou un activista en declaracións a The Guardian.

Os ecoloxistas tiran de enxeño creativo para saltarse a lei e poder amosar a súa opinión contraria ao acordo marco que probabelmente substituirá o Protocolo de Kioto e que os activistas temen que eximirá das súas responsabilidades aos países máis contaminantes

Para este domingo, 29 de novembro, hai convocada unha manifestación pacífica, en forma de cadea humana, que desafía a prohibición xeral das mobilizacións. Ademais, hai previsto outro protesto para o 12 de decembro, cando remata o cumio. Os ecoloxistas tiran de enxeño creativo para saltarse a lei e poder amosar a súa opinión contraria ao acordo marco que probabelmente substituirá o Protocolo de Kioto e que os activistas temen que eximirá das súas responsabilidades aos países máis contaminantes.

Os ecoloxistas sospeitan que as autoridades queren calar as voces críticas ao impedir os seus protestos. Denuncian que namentres lles impiden mobilizarse, permiten a convocatoria de eventos multitudinarios, como partidos de fútbol ou mercados de nadal, sobre os que non pesa a prohibición recollida na lei de emerxencia.