Ecoloxistas da Limia e apicultores avalan o valor das matogueiras ante as rozas de Medio Rural

Imaxe dunha matogueira no monte de Zapeaus, en Rairiz de Veiga, antes dunha roza intensiva no mes de abril. (Foto: Nós Diario)
Censuran o negocio das "supostas rozas preventivas" fronte ao lume e pídenlle á Consellaría de Medio Rural que deixe de subvencionar prácticas silvícolas que atentan contra a riqueza do monte galego. O valor das matogueiras debe ser prioritario, advirten.

Non é a primeira vez que desde as comarcas da Limia e da Baixa Limia alertan dos prexuízos das rozas masivas de mato no marco do plan de prevención de incendios forestais da Consellaría de Medio Rural. Unha actividade que levan a cabo empresas forestais "de forma interesada e indiscriminada" en contacto con representantes das comunidades de montes e sen custo ningún para os propietarios.

"Cada primavera asistimos a unha roza intensiva de matogueiras, de montes enteiros de uces, ericáceas e carpazas coa escusa de previr os lumes forestais, cando, en realidade, o que hai detrás é un enorme negocio das empresas, que buscan e convencen as xuntas veciñais para desbravar os montes", denuncia Manuel García, presidente do Movemento Ecoloxista da Limia en conversa con Nós Diario.

García mantivo esta terza feira un encontro co subdirector xeral de Defensa do Monte da Xunta da Galiza, David Prieto, mais representantes da Asociación Galega de Apicultura (AGA), defensora, tamén, do valor "paisaxístico, ecolóxico e cultural" das matogueiras, fundamentais para o cultivo das abellas e a produción de mel de alta calidade.

Durante a reunión de traballo, ecoloxistas e apicultores afondaron nos prexuízos ambientais que supón "rozar a feito extensas superficies de monte arbustivo composto por matogueiras de alto valor ecolóxico co obxectivo de sensibilizar" a Administración galega e lograr que deixe de subvencionar tratamentos silvícolas que antiincendios que causan máis estragos que os propios lumes, defende Manuel García, sobre todo se se realizan na primavera.

Preservar a riqueza natural

"As matogueiras teñen un valor moi importante na Galiza recoñecido polo Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader/USC)", explica Xesús Asorei, membro da AGA. Son hábitats singulares, protexidos tanto pola normativa autonómica como pola comunitaria "que a consellaría de Medio Rural ignora", di García, que acollen numerosas especies de aves, réptiles, mamíferos e sobre todo insectos, entre os que destaca a abella do mel.
"Se as rozas de acometen na primavera, cando están as plantas en plena floración, os apicultores quedamos sen posibilidade de producir mel. Se non hai flores non hai mel", precisa Asorei, quen cualifica o desmonte con grandes máquinas sen discriminar as matogueiras de máis valor das máis  degradas de "desfeita ecolóxica" ao arrasar con ecosistemas naturais enteiros, moi valiosos para o monte galego.

"Din que así queren previr os incendios pero é todo o contrario, porque o que conseguen é unha capa seca de matogueira por riba que, se prende o lume, é gasolina", incide Xesús Asorei.

Apicultores e ecoloxistas concordan na necesidade de frear estas accións silvícolas indiscriminadas contra matogueiras de queirugas, toxos, xestas brancas e amarelas, ateigadas de abellas e paxaros neste tempo. "Son un auténtico atentado", di Manuel García, ao responder máis a razóns comerciais que a criterios técnicos e estratéxicos para a conservación do medio e do patrimonio natural. De aí a solicitude e as propostas que veñen de trasladarlle a Medio Rural:  investir na creación e non na destrución da biodiversidade.

Sobrevaloradas

As rozas de monte baixo formado por matogueiras de gran riqueza natural que realizan as empresas forestais na Galiza son cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) a través da Consellaría do ramo.

Segundo denuncian ecoloxistas e apicultores, as axudas duplican o valor de mercado, o que disparou unha práctica que non resolve o problema dos incendios forestais e agrava a calidade do monte e do propio mato, "que rebrota só, mais convertida nunha xesteira sen a variedade nin a riqueza anterior", advirten. Ademais, inciden no valor paisaxístico e hidrolóxico das matogueiras, a súa biodiversidade e contribución á fixación do nitróxeno e do carbono atmosférico. "Son un recurso esencial á hora de formular calquera aproveitamento agrícola, silvícola ou pastoral do monte galego", conclúe Manuel García.