Ecoloxistas critican as axudas da Xunta aos cazadores para actuar nos Tecor

Tecor societario na Pobra de Trives (Foto: Nós Diario).
O Goberno galego financiará labores de roza, sementeira e construción de tobeiras nos Tecor ao sector da caza, a fin de recuperar as poboacións de perdices rubias e coellos de monte. Ecoloxistas en Acción oponse a estas subvencións por non resolveren os problemas da fauna da Galiza.

O Diario Oficial da Galiza (DOG) presentou esta terza feira as bases reguladoras dunha liña de axudas, que ascende a 200.000 euros, destinada ao "fomento da riqueza e xestión dos recursos cinexéticos". Poden optar a elas as persoas titulares de terreos cinexéticos ordenados (Tecor), isto é, os coutos de caza regulados onde a fauna debe ser "protexida, fomentada e aproveitada de forma ordenada".

As actuacións subvencionábeis, destinadas á "recuperación das poboacións de perdiz rubia e coello de monte" son, por unha banda, o rozado e trituración do mato (400 euros por hectárea), a gradadura e fertilización dos terreos e a sementeira de cereais ou leguminosas (600 euros/ha), sempre que non afecten hábitats prioritarios e o tecor teña unha superficie mínima de 50 hectáreas de mato.

Tamén se financia a construción de tobeiras artificiais (cun máximo de 1.500 euros cada unha). A Xunta achegará até 100% do custo do investimento de cada actuación nestes terreos, que comprenden máis de 80% do territorio galego.

Cómpre salientar que a caza en terreos cinexéticos é unha das poucas excepcións que concedeu o Goberno galego á mobilidade entre concellos mentres estean en vigor as restricións actuais.

"Favor" ao 'lobby' da caza

"É un novo pagamento ao lobby da caza. A Administración paga aos cazadores por facer labores que corresponderían as persoas donas dos terreos", expón en declaracións a Nós Diario o portavoz de Ecoloxistas en Acción, Alberto Riveiro, que incide en que os Tecor "non pertencen" aos cazadores, senón que "se lles ceden os labores cinexéticos". A respecto desta cuestión, móstrase "perplexo" por que a Xunta "diga que 80% da Galiza está en mans de 2% de señores con escopeta que carecen dos estudos en materia ambiental para alterar un hábitat".

Riveiro critica que o Goberno caia no "especismo" ao primar a perdiz e o coello sobre outras especies "como a laverca ou a cotovía", que viven no mato, un hábitat, ademais, "prioritario" para a Unión Europea. "Non salvan as especies que non se poden cazar. Para outros proxectos de conservación non dan un peso", lamenta. Neste senso, salienta que a perdiz e o coello non son especies frecuentes no país, e os lugares onde inzan, "como o río Lagares en Vigo", están afastados da caza.

Así mesmo, o portavoz de Ecoloxistas en Acción non entende que o DOG inste a construír as entradas das tobeiras con PVC: "Estamos intentando baleirar os montes de residuos e agora queren enchelos de plástico?", cuestiona.

Para Riveiro, é preciso ir ao fondo da cuestión: "Se queremos fomentar as plantacións de trigo para recuperar a fauna o mellor sería mudar o modelo produtivo e substituír os cultivos de regadío intensivo polo secaño", explica. Tamén sería preciso "cambiar eucaliptos por bidueiros", unha árbore autóctona que "medra rápido".