Ecoloxistas alertan de ducias de aves afectadas por unha vertedura de orixe descoñecida nas costas galegas

(Europa Press)

O BNG denuncia que as administracións non se preocupan "en absoluto" e insta ao Ministerio de Transición Ecolóxica a investigar.

O biólogo da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños(Cemma), Alfredo López, alerta de que xa hai máis dun cento de aves afectadas, entre mortas e danadas, por unha vertedura de orixe descoñecida nas costas galegas, mentres urxe a actuar ás administracións.

En declaracións a Europa Press, Alfredo López explica que estas cifras correspóndense co reconto do Grupo Naturalista Hábitat a data de medianoite da cuarta feira, polo que cre que pode haber "máis" paxaros "petroleados".

Avisa de que se atoparon exemplares nunha zona "moi ampla" que vai desde a ría de Vigo até a Costa da Morte.

"Imaxinamos que é por algunha vertedura, pero ten que ser moi grande" para alcanzar zonas tan dispersas. E é que Alfredo López deixa claro que "non é algo puntual que ocorra nunha praia determinada". Opina que ten que estar nun lugar próximo á costa, "porque se non virían todas xuntas mortas, pero chegan algunhas vivas".

Por iso, censura a falta de actuación por parte das administracións. "Ninguén dá información, non se sabe sequera se alguén está a mirar", lamenta. Mentres tanto, diferentes voluntarios "seguen percorrendo as praias".

Pola súa banda, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, criticou que as autoridades públicas non "se preocupasen en absoluto" por esta problemática, á vez que insta o Ministerio de Transición Ecolóxica a "tomar cartas no asunto" e investigar a procedencia.