Ecoloxistas alertan que o macroproxecto do Celta en Mos "deixará 1.500 fogares sen auga potábel"

Obras para a construción da cidade deportiva do Celta (Foto: Ecoloxitas en Acción).
Desde Ecoloxistas en Acción sinalan que a execución do proxecto Factoría do Deporte Galego – Galicia Sports 360 no lugar de Chan da Cruz, de executarse as obras tal e como están planificadas, terá consecuencias "moi graves" tanto para as captacións de augas veciñais como para os distintos nacementos de regos.

Os acuíferos galegos aproveitan fendas e espazos baleiros entre rochas de granito e xistos para asentarse. Son materiais impermeábeis que non permiten, en principio, a creación de grandes almacenamentos de auga debaixo da terra. Si permiten a aparición de pozos, mananciais e fontes aproveitados desde sempre pola poboación no rural.

Estes acuíferos de ladeira constitúen reservorios nos cales as augas soterradas están en contacto case directo coa escorrentía superficial e, polo tanto, presentan unha elevada vulnerabilidade á contaminación, segundo indican desde Ecoloxistas en Acción. “Ademais o sistema de recarga directo desde os fluxos de escorrentía superficial, ligado á presenza de rocha de menor grao de alteración en poucos metros, e ás importantes pendentes da zona fan que se trate de acuíferos moi sensíbeis á recarga ligada a episodios de precipitación”, engaden.

O informe hidrolóxico encargado por Ecoloxistas en Acción alerta que unha obra de tal envergadura como a proxectada polo Real Club Celta de Vigo, S.A.D. no monte de Tameiga é moi “prexudicial e pon en risco nacementos e leitos de regos dada a fraxilidade da capa xeolóxica. As posíbeis novas fendas poden ser causa de modificacións, ben sexa a través de vibracións, voaduras ou movemento de terras.

A organización ecoloxista sinala que a execución do proxecto Factoría do Deporte Galego – Galicia Sports 360 no lugar de Chan da Cruz, de executarse as obras tal e como están planificadas, terá consecuencias “moi graves” tanto para as captacións de augas veciñais como para os distintos nacementos de regos.

“Unha vez executado o proxecto, que afectará 150.000 metros cadrados, reducirase significativamente a capacidade de infiltración en toda a zona debido á propia transformación do relevo e aos movementos de terra en primeira instancia e, sobre todo, de modo permanente en todas aquelas áreas que se vexan sometidas a algún tipo de pavimentación”, manifestan desde a organización ambientalista.

Ademais denuncian que non consta nos informes emitidos tanto pola Oficina de Planificación Hidrolóxica coma pola Vicepresidencia Segunda e Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda unha análise destas captacións e traídas de auga preexistentes nin, no seu caso, medidas de protección para elas: “Estas traídas de auga son anteriores á lexislación de augas e supoñen un dereito previo lexitimamente adquirido polos seus usuarios (carentes doutro tipo de servizo de traída municipal de auga)”, acrecentan.

A Directiva Marco da Auga ten entre os sus principais obxectivos a protección e mellora das masas de auga superficiais e soterradas e dos seus ecosistemas asociados, a reducción progresiva da contaminación, garantir o subministro suficiente de auga superficial ou soterrada en bo estado e paliar os efectos de sequías e inundacións. Neste sentido, sinalan que o proxecto Factoría do Deporte Galego – Galicia Sports 360 “carece dun estudo hidrolóxico e hidroxeolóxico que garanta a protección das masas de augas superficiais e soterradas”.

“A reclasificación dos terreos, actualmente solo rústico de especial protección, abrirá as portas a un ‘boom’ urbanístico: estadio, hotel, restaurantes, tendas de ocio e aparcamentos para 1.200 vehículos co conseguinte incremento do tráfico rodado. Unha presión urbanística que os acuíferos da zona non poden soportar e secaran á mínima que haxa escasez de precipitacións”, declara Cristóbal López portavoz de Ecoloxistas en Acción.

Denuncian ademais que non hai ningunha alternativa municipal para subministrar auga ás miles de familias que se quedarían desprovistas dela pola seca dos acuíferos que causará a construcción do GS360, xa que o Concello de Mos non ten un servizo regular de abastecemento de auga.

"Destrucción dos mananciais"

“Á destrucción dos mananciais, hai que lle sumar o consumo de mais dun millón de litros diarios que terá o GS360 segundo o proxecto presentado. De onde vai saír a auga para todo isto? Do sobreexplotado encoro de Eirás? Este proxecto vai hipotecar calquera desenvolvemento urbanístico ou industrial de Mos”, recalcan desde Ecoloxistas en Acción.