Medio Ambiente

Ecoloxistas alertan da presenza de especies en perigo de extinción nos terreos de Altri, como avanzou 'Nós Diario'

Margarida de Barazón, centaurea, herba de namorar de Merino e santolina de Melide.
Adega afirma que a Xunta coñece esta presenza e "evitou protexer" estas especies.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) alerta esta sexta feira da presenza de cinco especies en perigo de extinción nos terreos nos que a multinacional portuguesa Altri pretende construír a súa fábrica de fibras téxtiles en Palas de Rei (A Ulloa), cuestión da que xa informaba Nós Diario o pasado sábado.

Nun comunicado, as ecoloxistas lamentaron que no territorio afectado polo proxecto existe a presenza de tres plantas endémicas en perigo, como a santolina de Melide, a 'herba de namorar' de Merino e a magarza de Barazón.

A estas habería que engadir, salienta Adega, outras especies de invertebrados como o mexillón de río e a Macromia splendens, ambas as dúas en perigo de extinción, ademais da Oxygastra curtisii, unha especie vulnerábel.

"Tanto as instalacións do polígono químico da factoría como outras infraestruturas críticas do proxecto engloban territorios con presenza confirmada destas especies protexidas", aseguraron desde Adega.

Ademais, indicaron que a Xunta da Galiza coñece esta presenza e "evitou protexer" estas especies, xa que, tras investir case 300.000 euros en estudalas hai anos e preparar a documentación técnica, "nunca chegou a aprobar no Diario Oficial da Galiza (DOG) os instrumentos de xestión destas especies". "A Xunta sabía a excepcional riqueza deste patrimonio ambiental e decidiu non blindar a súa protección", insistiron.