Ecoloxistas advirten dunha proba deportiva no Barbanza que pon en risco 2 especies en extinción

orquidea

Piden á Xunta que se garanta que ‘Trail do Couso’ non vai afectar a 2 especies raras e ameazadas: Linaria arenaria(paxariños) e a Barlia robertiana (orquídea xigante).

 

Ecoloxistas temen que unha pobra de trial, organizada por unha empresa privada (e subvencionada polo concello de Ribeira), acabe por afectar e danar 2 especies ameazadas e sensíbeis que hai neza zona do Barbanza. Adega xa transaladou á Dirección Xeral de Conservación a súa preocupación pola presenza no itinerario desta proba de hábitats protexidos (dunas fixas, dunas móbiles e cantís costeiros) moi sensíbeis, e mesmo de especies en perigo crítico de extinción.

En concreto son dúas especies vexetais “raras e ameazadas”, a Linaria arenaria(paxariños) e a Barlia robertiana (orquídea xigante). A primeira, ten nas dunas fixas de Couso a súa única poboación continental da Península Ibérica. Está incluida no catálogo Galego de Especies Ameazadas como "en perigo de extinción" e no Libro Vermello da Flora Vascular de España como "en perigo crítico de extinción".

Polo que atinxe á Barlia, trátase dunha rara poboación desta orquídea xigante, considerada extinta en Galiza. É a única orquídea que florece no inverno e gosta de terreos calcáreos. A súa aparición nun espazo costeiro granítico ten relación coa presenza no substrato de restos de cunchas mariñas, que aportan carbonatos.


Ambas as dúas especies, xunta cos hábitats protexidos das dunas móbiles, dunas fixas ou grises (prioritario) e cantís costeiros, poderían verse perxudicadas polo forte pisoteo e a intrusión dos centos de persoas participantes neste percurso. Dase a circunstancia de que neste sensíbel espazo costeiro da Península do Barbanza, parte da Rede Natura 2000 e a carón dun Parque Natural e dun Parque Nacional, téñense denunciado os impactos causados polos quads e motos sobre os seus excepcionais valores naturais.