Os ecoloxistas acudirán aos xulgados se a Xunta non protexe a Cova de Eirós

Adega denunciará xudicialmente a “desprotección legal” do xacemento se o goberno galego non se comprometer a valer como BIC o que se considera o 'santuario do paleolítico galego'.

Adega presentou na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural unha solicitude de información sobre o estado de tramitación do expediente de declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) para a Cova Eirós (Triacastrela), un dos xacementos máis importantes do noso país. “Ao abeiro das leis estatal e galega de protección do patrimonio histórico-cultural, as covas con presenza de arte rupestre son declaradas por ministerio como Ben de Interese Cultural, e por tanto, correspóndelle ao goberno autonómico por imperativo legal decretar coa máxima premura posible a protección da Cova Eirós coa figura de BIC”, manifesta Adega. Con ese paso a cova entraría no Catálogo galego de Bens de Interese Cultural e a procederíase á aprobación do seu correspondente planeamento e perímetro de protección.

Adega anuncia que esta será “a derradeira oportunidade” que lle dea á Xunta para coñecer “en que grao está a cumprir coas súas obrigas legais e a promover medidas efectivas para a protección do xacemento paleo-arqueolóxico máis importante do Paleolítico en Galiza”. De non recibir resposta da Consellaría de Cultura no prazo legal ou comprobar que a Xunta non está a actuar, advirte, acudirá aos xulgados para denunciar “a situación de desprotección legal que está a sufrir a Cova Eirós, así como a falta de transparencia da administración”.

A dotación da figura máxima protección legal para a Cova Eirós é un feito “que non permite demora, xa que o xacemento arqueolóxico está en permanente risco de deterioro ao localizarse na área de dominio da explotación mineira de Cementos Cosmos”.

Riqueza

A Cova Eirós acolle restos e material lítico de hai máis 118.000 anos pertencentes aos primeiros seres humanos habitantes da Península, Homo Neandertal, e tamén restos do Homo Sapiens ou do Cromagnon, datados en máis de 20.000 anos, converténdose así nun dos poucos xacementos nos que conflúen todas estas pegadas nun mesmo lugar.

Así mesmo, atopáronse nas paredes da cova preto dun cento de pinturas e gravados rupestres a algúns dos cales se lles atribúa unha antigüidade de máis de 20.000 anos, e que agora están en estudo. Tamén constitúe un tesouro paleontolóxico valiosísimo.  Trátase do xacemento de oso cavernario (Ursus spelaeus) máis occidental de toda Europa, cun número mínimo de case 40 individuos adultos que ocuparon Eirós durante 15.000 anos de maneira continuada.