Ecoloxistas en Acción ve "negacionista" a postura da Cámara Mineira sobre a "contaminación" da mina de San Finx

Activistas de Ecoloxistas en Acción levaron o pasado setembro mostras de auga contaminada de San Finx e Touro á sede da Cámara Mineira a modo de protesta (Foto: Nós Diario).
Activistas de Ecoloxistas en Acción prestaron declaración esta terza feira nos xulgados da Coruña pola denuncia presentada tras unha protesta que protagonizaron, en setembro do ano pasado, na Cámara Oficial Mineira.

Activistas de Ecoloxistas en Acción prestaron declaración esta terza feira nos xulgados da Coruña pola denuncia presentada tras unha protesta que protagonizaron, en setembro do ano pasado, na Cámara Oficial Mineira para denunciar a contaminación procedente da mina de San Finx, en Lousame (comarca de Noia), e de Touro (comarca de Arzúa). Fixérono negando "coaccións" e reprochando ao organismo unha "actitude negacionista".

A organización negou no seu momento que se producira un "asalto" ao citado organismo despois de levar á sede da Cámara Mineira varias botellas con auga contaminada, segundo expuxeron, procedente das citadas minas.

En declaracións aos medios, Joam Evans, de Ecoloxistas en Acción, rexeitou os argumentos da Cámara. "Están a tentar utilizar esta acción como unha demanda contra a participación pública, tentan intimidar a movementos sociais e grupos ecoloxistas", argumentou Evans, que negou que houbese un "asalto violento" ou "coaccións".

Tamén expuxo que son seis as persoas denunciadas que prestaron declaración no proceso xudicial, por, insistiu, "unha entrega simbólica de botellas de auga contaminada". Iso, engadiu, despois de que a Cámara "dixese que era inocua", sinalou. "Defendemos o dereito á protesta e o noso deber é denunciar ilegalidades", apostilou.

Por outra parte, considerou "negacionista" a postura da Cámara Mineira sobre unha "contaminación por metais pesados" por parte da mina, a cuxos responsábeis Augas da Galiza sancionou con 180.000 euros por verteduras ilegais.

"A Xunta da Galiza debería reflexionar sobre o apoio deste organismo", indicou antes de que representantes de Ecoloxistas en Acción secundasen tamén unha concentración ante os Novos Xulgados.

Proceso xudicial en Noia

Esperábase que o representante de Tungsten San Finx, S.L., Miguel Cabal Lorenzo, comparecese na mañá desta segunda feira ante os xulgados de Noia, mais ao final acudiu unha avogada cun poder da compañía. Aínda así, esta circunstancia foi aproveitada polos colectivos ecoloxistas e do mar para demandar solucións ás portas da sede da Xustiza.

Desta maneira, a avogada da concesionaria da mina de San Finx compareceu ao estar esta compañía investigada por presuntos delitos contra os recursos naturais e o ambiente, “logo de que nas dilixencias penais se evidenciaran os altos niveis de concentración de metais pesados que as verteduras da mina está inxectando no medio natural”.