Ecoloxistas en Acción presentará querela contra a naviera propietaria do buque que provocou a vertedura de pellets

Vertedura de pellets de plástico na praia de Reira en Camariñas (Terra de Soneira). (Foto: Noia Limpa)
Este vertido produciuse nunha zona na cal vén de ampliarse a Rede Natura 2000 pola súa importancia como corredor ecolóxico de aves.

A organización Ecoloxistas en Acción interporá ante os Xulgados de Noia querela contra a empresa neerlandesa propietaria no navío causante do vertido por un delito contra o ambiente e os recursos naturais.

O pasado 8 de decembro o buque Toconao, de bandeira de conveniencia, perdeu seis contedores á altura de Viana do Castelo (Portugal), perto xa de augas galegas. Un deses contedores, da empresa Bedeko Europe, contiña millares de sacos, de 25 quilogramos cada un, cheos de millóns de pellets de plástico, que se veñen esparexendo polas costas galegas.

Estas bolas de cinco milímetros de diámetro utilízanse para a fabricación de todo tipo de produtos, mais o seu reducido tamaño fai que sexan moi complicada a súa recollida unha vez que se mesturan coa area.

Rede Natura 2000

Este vertido produciuse nunha zona na cal vén de ampliarse a Rede Natura 2000 pola súa importancia como corredor ecolóxico de aves. “A vertedura é moi prexudicial para os ecosistemas mariños pois os peixes, aves e crustáceos confunden os pellets con ovas de peixe e inxírenos, causando mortalidade tanto pola toxicidade do plástico como por inanición, ao non poder alimentarse por ter o estómago cheo de plástico”, acrecentan desde Ecoloxistas en Acción.

Pos iso, desde a organización ambientalista presentarán esta terza feira unha denuncian contra a empresa propietaria do navío polo “desastre medioambiental” que produciu.