Ensino

Ecoloxistas en Acción presenta unha guía sobre o uso de medios dixitais no ensino

Unha persoa usa o móbil (Foto: Nós Diario).
A organización ambientalista presentará en diferentes centros do país as alertas científicas e expertas sobre as diferentes problemáticas recoñecidas deste proceso hiperdixitalizador do proceso educativo e da sociedade nos eidos da saúde, aprendizaxe, ambiental e social.

Ecoloxistas en Acción presentará os días 12, 13 e 14 a súa guía para nais, pais e docentes sobre o uso de medios dixitais, en diferentes centros de ensino de Vilagarcía, O Grove e Vigo, dentro do debate actual sobre a súa presenza no medio escolar.

Presentarán as alertas científicas e expertas sobre as diferentes problemáticas recoñecidas deste proceso hiperdixitalizador do proceso educativo e da sociedade nos eidos da saúde, aprendizaxe, ambiental e social.

Mostrarán, segundo indican, as achegas e normas do ámbito científico, profesional e institucional cara a un uso dos medios dixitais que atenda a idade e situación de maior vulnerabilidade de nenas, nenos e rapazada, cara a formar persoas que afronten o uso desta tecnoloxía de forma sobria, biocompatíbel, sostíbel, ética e crítica.

Estas charlas-coloquio contarán coa colaboración do IES Armando Cotarelo Valledor de Vilagarcía, o IES As Bizocas do Grove e o CEIP de Fonte Escura de Vigo. Pretenden “abrir unha reflexión na súa comunidade educativa sobre a revolución dixital publicitada como “verde”, inocua, inmaterial, sostíbel e imprescindíbel”.

Contan como relatores a Xulio Carmona, coordinador da área de dixitalización e contaminación electromagnética de Ecoloxistas en Acción, e de Javier Zarzuela Aragón, veterano docente e activista ecosocial.

"Mitos tecnolóxicos"

Neste debate proponse identificar os distintos mitos tecnolóxicos instaurados nun proceso sen regular de hiperdixitalización.  Mostrarán o coñecemento científico actual sobre as consecuencias coñecidas do tempo de uso de pantallas e do seu inicio precoz, asociados a alteracións da saúde mental e física, así como as súas implicacións negativas no desenvolvemento cerebral e do ámbito académico e da aprendizaxe.

Abordarán igualmente a “presenza importante” en “idades temperás” de condutas aditivas relacionadas coas TIC. Darán voz ás persoas expertas que alertan e denuncian tácticas para producir adicción deliberadas e profusamente aplicadas pola industria dixital. Tácticas como as denuncias actuais de fiscais de 42 estados distintos de Norte América a META (Facebook, Instagram), por pór en risco a saúde mental de nenas, nenos e rapazada, de forma premeditada.

Darán visibilidade aos inasumíbeis custes das tecnoloxías dixitais pola súa pegada ambiental e climática e pola perda de privacidade e o control social, como a denunciada por organizacións de dereitos humanos pola captación xeneralizada de datos do alumnado.

Mostrarán exemplos das diferentes medidas proteccionistas que se están levando na actualidade para evitar a distracción dixital e mellorar a atención na aula, así como das distintas experiencias de nais e pais cara a evitar a presión social dunha introdución precoz e ‘disruptiva’ da tecnoloxía dixital en menores.