Ecoloxistas en Acción leva o secretario xeral para o Deporte ante a Fiscalía por denegar o acceso a información pública

Presentación da denuncia de Ecoloxista en Acción (Foto: Nós Diario).
Por resolución do secretario xeral para o Deporte, Jose Ramón Lete Lasa, a organización non puido acceder ao informe da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) respecto á declaración de Proxecto de Interese Económico (PIA) á cidade deportiva que promove o Celta en Mos.

O 25 de xaneiro de 2024 Ecoloxistas en Acción Galicia formulou solicitude para obter copia do informe da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) respecto á declaración de Proxecto de Interese Económico (PIA) á cidade deportiva que promove o Celta en Mos (comarca de Vigo).

Porén, por resolución do secretario xeral para o Deporte, Jose Ramón Lete Lasa, de 19 de febreiro de 2024, non se admitiu a solicitude de acceso a información pública realizada por Ecoloxistas en Acción, a pesar de que a lei de Transparencia sinala que “todas as persoas teñen dereito a acceder á información pública.

Por iso, Ecoloxistas en Acción entende que a resolución do secretario xeral para o Deporte “resulta absolutamente arbitraria, contraria a dereito de modo evidente, tendo como única motivación pór impedimento no acceso á información a esta asociación dado o seu activismo, molesto para os promotores do PIA e as Administracións Públicas cómplices”.

“Temos claro que o secretario xeral para o Deporte agocha adrede esta información para obstaculizar o noso obxectivo da defensa ambiental dos montes comunais de Mos, que se verán gravemente afectados polo proxecto GS-360 [cidade deportiva do Celta]”, declara Eloy Pérez, coordinador de Ecoloxistas en Acción.

Neste sentido, Pérez denuncia que “o propio secretario xeral é quen promove a declaración de Interese Autonómico ao proxecto GS360 para poder expropiar terreo forestal de especial protección”.

Por estes motivos, Ecoloxistas en Acción cre que os feitos “poden integrar un delito de prevaricación”, polo que solicitaron á Fiscalía que abra dilixencias e que estime se os documentos achegados son indiciarios da comisión dun delito ou dalgún outro tipo de responsabilidade.