Ecoloxistas en Acción denuncia que o túnel de Vigo aumentará a contaminación

As obras previas comezaron a semana pasada.
Ecoloxistas en Acción Galiza alerta dos efectos contaminantes que terá o túnel que o Concello de Vigo comezou a construír para soterrar o tráfico do centro histórico a través dun túnel entre as rúas Policarpo Sanz e en Elduayen. Advirte que a remodelación da Porta do Sol "non preserva o centro da cidade do tráfico de vehículos para estabelecer zonas libres de emisións, senón que vai acadar o efecto totalmente contrario".

A plataforma ecoloxista considera que o proxecto non reduce a contaminación por emisións de CO2 á atmosfera, "xa que se agocha o tráfico de automóbiles baixo un tunel", o que anula tamén o "efecto disuasorio" que tería a peonalización da zona, dado o aumento da fluidez do tráfico que suporá. Tamén critica a asociación que a proposta "nin favorece o transporte público nin a mobilidade peonil ou alternativa, como en bicicletas, xa que só se peonalizan as rúas, mais non se favorece o acceso peonil a elas".

Segundo lembran desde Ecoloxistas en Acción, o Concello de Vigo asinou a finais de 2019 a declaración de Emerxencia Climática que lle propuxo o ecoloxismo. "Este proxecto contravén non só aquela declaración senón incluso as medidas propostas na Declaración de Emerxencia Climática feita polo propio Goberno central", censuran.