Alfredo López 'Tokio'

"O ecoloxismo galego é un proxecto diverso"

Autor dun feixe de cadriños para o semanario, Alfredo López Tokio é, para alén de humorista gráfico, un activista do ambientalismo galego. Debrúzase esta sexta feira sobre a xanela do #VenhanMais5.

-Como avalías o estado actual do ecoloxismo galego?

-O ecoloxismo galego neste momento é un proxecto diverso, mais consolidado, adulto e responsable. Seguramente non conta co apoio necesiario, nin cos medios suficientes, como para ampliar a súa capacidade de acción. Incluso as administracións en moitas ocasións suplantan actividades e accións que deberían desenvolver os colectivos ambientais, simplemente por non amosarlles apoio nin darlles protagonismo, iso leva a non deixalos saír eternamente da barricada. A falta de medios impide desenvolver campañas de amplo espectro, e moi necesarias, como pode ser pola defensa do litoral ou en contra dos plásticos. Cando co desastre ambiental que estamos a vivir, estas mentes críticas e sobre todo prácticas son cada día máis necesarias.

-Que evolución agardas do ecoloxismo galego a cinco anos vista?

-O repto que ten é o facer chegar a ansia participativa á xente nova para que continúe co labor dinamizador e aumentar a sensibilidade ambiental da sociedade galega. Ao igual que en moitos aspectos do activismo, non só ambiental, a media de idade é moi alta, e isto fai que se repitan esquemas e non se actualicen e se bote en falla unha necesaria renovación. A capacidade de entidades foráneas de caracter recadatorio aumenta pola facilidade de dar apoio non presencial ou simplemente un góstame, mais son necesarias mans solidarias co ambiente.

-Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que debemos e/ou podemos mellorar?

-Que estea presente na sá de agarda do dentista, no furancho, na cesta do que vai mercar á praza, esquencido na parada do bus, no posto da castañeira, na perruquería e na peixeiría para envolver o peixe, se os controis sanitarios e as tintas de impresión o permitisen. Nese momento teriamos a sensación que a prensa en galego chega á grande maioría d@s leitor@s de xornais.