Manifesto polo monte comunal

O ecoloxismo galego alíase en contra do "desastre" do proxecto urbanístico de Mos

O manifesto solidarízase coa veciñanza comuneira na súa loita contra o proxecto nos montes de Tameiga. (Adega)
Unha quincena de entidades, principalmente ecoloxistas pero tamén  culturais e cívicas, veñen de promover un manifesto contra o modelo "especulativo" que representa o proxecto de cidade deportiva e comercial previsto para o municipio de Mos e contra a afectación que terá nos montes comunais de Tameiga.

Na mesma semana en que está previsto que veciñanza e organizacións presenten as alegacións contra a modificación puntual do Plan de Ordenación Xeral Municipal (PXOM) necesaria para levar adiante a proposta que impulsa o Real Club Celta de Vigo, o manifesto sae na defensa do monte comunal. Segundo sinala o texto, este representa un terzo dos terreos onde se prevé a construción e a metade das expropiacións, que se estiman en 846.000 metros cadrados de monte. "Esta actuación correspóndese cun modelo e cunha lóxica caduca e errada que presenta grande impacto ambiental, así como unha ocupación do territorio que non favorece a mobilidade sostíbel e que actúa como barreira ecolóxica", advirte o documento, que asinan Adega, Greenpeace, Ecoloxistas en Acción Galiza, Verdegaia, Extinction Rebellion Vigo, Equo, a Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo, Salvemos O Iribio, a Fundação Montescola, a sociedade histórica e cultural Coluna Sanfins, a comunidade do monte veciñal en man común de Froxán, a asociación ambiental e cultural Petón do Lobo, a asociación sociocultural Vagalume e a Marcha Mundial das Mulleres. 

Un modelo "anacrónico" fronte á potencialidade do monte comunal

As entidades denuncian igualmente que o plan para a creación en Mos dunha área comercial de 120.000 metros cadrados "é fonte de xeración de emprego precario e temporal, cun modelo de grandes centros comerciais anacrónico e responsábel da perda de comercio local e de proximidade". "A través do falso discurso da xeración de emprego, do progreso e da diversificación da economía, tentan xustificar estas dotacións como beneficiosas para a veciñanza, mais estes beneficios recaerán coma sempre nas mans duns poucos", recolle o documento. Na mesma liña, lembra que a Deputación de Pontevedra se pronunciou en contra do proxecto, "que fomenta o uso do transporte privado e individual", o que, aos seus ollos, "colapsará aínda máis un dos nós de comunicación máis importantes da Galiza".

O Goberno municipal de Mos, onde o PP ten maioría absoluta, sostén que a actuación xerará 2.000 postos de traballo, servirá para destinar 400.000 metros cadrados a zona verde e permitirá o Concello ingresar máis de sete millóns de euros polo Imposto de Construcións (ICIO).

Fronte a este modelo, as asinantes apostan no "potencial de xeración de emprego e fixación de poboación que constitúe a xestión sostíbel do monte comunal". "Os montes en man común teñen un enorme potencial na conservación e na posta en valor dos ecosistemas, da biodiversidade e dos recursos", fan notar as entidades ecoloxistas, que defenden tamén o papel das comunidades de montes nos proxectos de restauración ambiental, "nun momento no que gañar resiliencia nos territorios é un paso fundamental para poñer freo ás consecuencias do cambio climático". 

A Lei do Solo "permite expropiar para especular"

A modificación puntual do PXOM de Mos, que recibiu en setembro aprobación inicial do Pleno cos únicos votos favorábeis do PP, afecta a 864.650 metros cadrados de terreo. Segundo indican as entidades ecoloxistas contrarias ao proxecto, 28% desa superficie (230.100 metros cadrados) corresponde a monte comunal de Tameiga e 19% máis, á comunidade de montes en man común de Pereiras. Eses son os terreos suxeitos a protección pola súa clasificación como rústicos forestais. Porén, e segundo indican as asociacións, a Lei do Solo da Galiza permite que o PXOM "poida excluír xustificadamente os terreos necesarios para o desenvolvemento urbanístico racional". "A través desta fórmula pódese expropiar co fin de especular con dotacións e infraestruturas privadas", censuran.