PATRIMONIO NATURAL

Eco-camiñadas en defensa da Serra do Galiñeiro e contra a depuradora na Devesa do Rei

A Plataforma pola Defensa da Serra do Galiñeiro convoca este domingo unha andaina contra a instalación do parque eólico no lugar e pola ampliación da declaración de Parque Natural a todo o ecosistema do Monte Aloia. No mesmo día, a Candidatura do Povo chama a 'pasear' para frear a construción dunha depuradora no río Roxos, na bisbarra compostelá

Os contos e lendas do Galiñeiro non teñen prezo. A gandería ecolóxica, os cabalos do monte e os curros de Vincios e de Morgadáns non teñen prezo. O lecer, os camiños, os subeiros, as pedras, as sombras, as augas, os estudos feitos e os que aínda se han facer, as illas ó lonxe, os poemas e os libros, o que perdemos e atopamos no Galiñeiro, nada de todo iso ten un valor calculable porque ese é un patrimonio común e natural que non se pode comprar nin vender, un patrimonio destas bisbarras, da Terra de Turonio, pero tamén de Galiza e mais da Humanidade.

O que derriba destas liñas aparece é un bocadiño do manifesto que o escritor Manuel Rivas lerá ao remate da III Andaina pola protección da Serra do Galiñeiro --nos municipios de Vigo, Gondomar, O Porriño e Tui--, que se realizará este domingo. Non será o único 'paseo' a prol da protección dun enclave natural do País, xa que a Candidatura do Povo chama á cidadanía de Compostela e da bisbarra a camiñar na I Andaina Popular contra a instalación dunha depuradora na Devesa do Rei.

Desta volta a Ruta da Auga foi a escolla da Plataforma pola Defensa da Serra do Galiñeiro para prender na cidadanía a chama da sensibilidade contra a destrución da maior cordilleira da comarca da Vigo coa contrución dun parque eólico de 39 megawats que Terra de Vento S.L. pretende colocar no Galiñeiro, despois de que o seu proxecto recibise o visto e prace da Xunta da Galiza.

"A pesar de que no ano 2008 se anunciaba a ampliación do Parque Natural do Monte Aloia a todo o cordal da Serra do Galiñeiro, aínda hoxe a desprotección dos seus valores naturais, culturais, sociais e económicos continúa sendo total", sinala o manifesto en defensa deste lugar. Exíxese do Goberno galego que proceda a declarar Parque Natural todo o cordal do Galiñeiro, seguindo a lóxica de que forma parte do mesmo ecosistema que o Monte Aloia.

Unha depuradora ''para destruír'' o Río Roxos
Protección pídena tamén desde a Candidatura do Povo en contra da instalación dunha depuradora nos terreos da denominada Devesa do Rei. O equipo de Goberno do ex alcalde de Compostela, Gerardo Conde Roa (PP) mudou o emprazamento escollido pola corporación municipal que encabezaba Xosé Sánchez Bugallo (PSOE) para o lugar onde conflúen os ríos Roxos e Sar, nun tramo onde se conserva unha superficie "considerábel" de bosque autóctono, a citada Devesa. Neste espazo "milagreiramente conservado sen que se teña edificado nel ningunha urbanización" agromou un bosque de laurisilva dos poucos existentes na Galiza e nel conviven especies como a saramaganta ou o caracol de Quimper, en perigo de extinción.

Hai tamén unha antiga curtiduría e varios muíños, mostras do valor patrimonial e etnográfico desta paraxe. "Todo isto é o que quere sepultar a nova corporación do PP baixo o formigón e os aterramentos da nova depuradora", denuncia a Candidatura do Povo nunha folla voandeira na que animan á cidadanía a participar na andaina popular convocada tamén para este domingo, igual que a da Serra do Galiñeiro.

Desde a organización política manifestan a súa sospeita de que a escolla deste emprazamento --co previsíbel rexeitamento veciñal-- "non será unha intención solapada de adiar indefinidamente a construción da depuradora". E é que atrasar máis a obra implicaría "a máis que posíbel" perda dos fondos europeos destinados a tal finalidade, e traduciríase na falta de financiamento para unha infraestrutura "actualmente imprescindíbel" para o saneamento do río Sar, unha das fontes de contaminación "máis graves" do curso do Ulla e da ría de Arousa.