Astronomía

A ocultación solar desta segunda feira, antesala dunha década de mellores eclipses de Sol

Eclipse total de Sol. (Foto: Peter Jurik)
A eclipse total de Sol desta segunda feira, moi parcial vista desde a Galiza, dará paso a unha sucesión de eclipses solares máis propicias para a súa observación.

A Galiza e as Illas Canarias son os dous territorios do Estado máis nomeados para unha observación parcial da eclipse de sol que terá lugar ao caer o Sol esta segunda feira. Porén as expectativas na Galiza non son moi favorábeis. O eclipse total de Sol será visíbel, principalmente, en México, Estados Unidos e Canadá. No Estado español, esa eclipse chegará a apreciarse como parcial e de forma extremadamente limitada desde as Illas Canarias e o noroeste da península.

Unha eclipse de Sol consiste na ocultación progresiva do disco solar pola Lúa cando esta se interpón entre a estrela e a Terra. O fenómeno prodúcese por unha extraordinaria casualidade cósmica: o Sol é catrocentas veces máis grande que a Lúa mais tamén está catrocentas veces máis lonxe, co cal os seus tamaños aparentes vistos dende o noso planeta son moi semellantes.

Así o describen este fenómenos desde a Agrupación Astronómica Ío, acontecementos que non son excepcionais a escala planetaria, mais si pouco frecuentes nun lugar determinado.

Representación da eclipse de Sol e Lúa. (Imaxe: Marta Cortacans para a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío).

No caso da Galiza, este 8 de abril, malia as expectativas xeradas a visibilidade será ínfima, pois o comezo da eclipse coincide practicamente coa posta do Sol. Así, o primeiro contacto da sombra da Lúa co disco solar sucederá arredor das 21 horas e o Sol porase apenas nove minutos despois, co cal só poderiamos distinguir o inicio do fenómeno e iso, advirten os expertos, en condicións ideais, pois precisariamos un horizonte completamente despexado que nos permitise ver o Sol até o último momento.

A modo de exemplo, na cidade da Coruña, nese intervalo, o máis que se chegará a apreciar é un máximo dun 1% da superficie solar oculta pola Lúa.

Cinco eclipses case consecutivas

A boa nova é que non haberá que agardar moito para gozar de eclipses mellores. O ano que vén, o sábado 29 de marzo de 2025, terá lugar a media mañá unha eclipse parcial con case un terzo de disco solar oculto pola Lúa no noso país.

Porén, a data máis importante subliñada no calendario é a da cuarta feira 12 de agosto de 2026, cando desde a Galiza se poderá experimentar unha eclipse total de Sol, a primeira desde o ano 1912.

Entre a entrada e a saída da Lúa polo disco solar transcorrerán case dúas horas, entre as 19.30 e as 21.22, e a fase de totalidade comezará ás 20.27 horas e estenderase durante un minuto e medio.

Segundo apuntan desde a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, esa eclipse total poderase gozar na súa totalidade desde as cidades da Coruña, Ferrol e Lugo, mais non en Santiago, Pontevedra, Vigo e Ourense, onde o nivel de escurecemento (a porcentaxe da superficie do Sol oculta pola Lúa) será lixeiramente inferior ao 100%.

No que resta de década teremos máis oportunidades para experimentar eclipses parciais. A segunda feira 2 de agosto de 2027 producirase a media mañá outra eclipse cun 73% de escurecemento (eclipse que será total nunha estreita franxa ao sur da península, por exemplo en Tarifa).

A cuarta feira 26 de xaneiro de 2028 terá lugar unha eclipse contra o solpor, con outro 70% de escurecemento.

Finalmente, o sábado 1 de xuño de 2030 o Sol sairá oculto en máis dun 50% pola Lúa, unha observación que obrigará a madrugar pois o fenómeno rematará pouco despois das 8 horas.

Eclipses solares visíbeis desde A Coruña até 2030. (Imaxe: Marta Cortacans para a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío).