A DXT selecciona o plan da Deputación de Pontevedra como modelo de referencia en seguranza viaria

Uxío Benítez, á dereita

A Dirección Xeral de Tráfico seleccionou o plan de mobilidade e velocidade segura da Deputación de Pontevedra, o Plan Móvese, como “experiencia de referencia” sobre seguranza viaria. Será presentado nunha xornada da DXT que terá lugar en Madrid o 17 de outubro.

O Plan Móvese da Deputación de Pontevedra foi seleccionado pola DXT como “experiencia de referencia” en materia de seguranza viaria. Trátase dun plan que recolle medidas de calma do tráfico con redutores físicos de velocidade e que representa, para a DXT, unha proposta innovadora para reducir a accidentalidade. De feito, a iniciativa da Deputación será presentada na xornada Tratamento de travesías para a seguranza viaria e a habitabilidade que terá lugar en Madrid o 17 de outubro.

O deputado provincial responsábel da área de Mobilidade, Uxío Benítez, amósase satisfeito polo “primeiro recoñecemento ao traballo que estamos a facer”. Sinala que “aínda non tendo executada ningunha grande obra, recoñecen que a nosa filosofía de actuación é salientábel”. Este plan abrangue as actuacións dos vindeiros tres anos nos 1.700 quilómetros do sistema viario da deputación.

Uxío Benítez sinala que debido á dispersión poboación, “temos que aplicar medidas máis incisivas que outras administracións”

Uxío Benítez pon de manifesto que o sistema viario provincial é problemático pola súa alta accidentalidade. Así, as persoas que viven nas comarcas pontevedresas pagan os seguros máis altos do Estado. Aliás, e debido á dispersión poboación, “temos que aplicar medidas máis incisivas que outras administracións”.

O deputado nacionalista incide na aposta nos redutores físicos de velocidade e os pasos de peóns sobreelevados como a fórmula máis axeitada a aplicar por un plan que foi consensuado polos concellos.

Na xornada da DXT tamén participarán representantes da Deputación de Barcelona, Generalitat Valenciana, Donostia, Guipuxkoa, Castela e León e Murcia.